A terceira edición do festival Cinema a Pedal incluirá concertos e sorteos con agasallos para participantes

adminON
Lectura mínima de 4

“Ademais de promover a cultura e o cinema de calidade, o festival quere fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte” sinala Juan González, Alcalde de Nigrán.

O festival Cinema a Pedal celebrarase en Nigrán os días 12, 13 e 14 de xullo de 2024. Ademais de promover o cinema de calidade, o festival quere fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte. Mais non só se trata dun festival temático polos seus contidos, senón tamén polos seus medios: a enerxía para o proxector e o son está xerada polo pedaleo nun dispositivo de 10 bicicletas que deben ser utilizadas polo propio público.

A programación incluirá un concerto o venres e outro o sábado previos á proxección. Ás 19:30 h. do venres 12 de xullo, M. A. Barreira ao son e Vanessa Glemsel á voz inquirirán a quen escoite sobre a memoria, a supervivencia e a incerteza do que virá, compoñendo así unha pequena peza músico-poética que se crava no espiñazo para non esquecer.

Por outra banda, o sábado 13 de xullo ás 20 h dará inicio o concerto de El Último Ciclista, o proxecto musical de Gabrulo García, un montevideano adoptado por terras galegas. Co impulso da inmersión na creación durante as noites do ano pasado, saíu á luz Tomando este camino, un primeiro disco de doce cancións de corte indie-pop iberoamericano, dando pedal a esta aventura ciclista. As súas cancións deambulan entre o humor, a melancolía, o existencialismo e a fantasía. As harmonías e as letras simples son a clave da linguaxe utilizada para contar situacións de vida cotiás.

Sorteos e agasallos

Tanto o venres como o sábado, logo do remate das películas, realizarase un sorteo con varios agasallos proporcionados por empresas e establecementos coma os locais Ciclos Palacios e Asante Sana, Aventura Plástica de Gondomar, La Pedalería de Baiona, Paco&Lola de Meis, e Decathlon e C’alma Fruit de Vigo.

Segundo a organización, “a zona do Val Miñor está repleta de talento e xente comprometida coa sostibilidade. Asante Sana, Ciclos Palacios, La Pedalería, Aventura Plástica, Vanessa Glemsel e Gabrulo García son un fermoso exemplo destes principios. En canto a este último, montevideano de nacemento e nigranés de adopción, cómpre salientar unha anécdota especial: Gabrulo García coñeceu o Cine a Pedal uruguaio e, de feito, vivía preto da sede dese festival. Co seu proxecto titulado El último ciclista, era imprescindible que participase no noso Cinema a Pedal.”

Sobre a organización

O festival está organizado pola directora artística de Cinemateca Uruguaia Alejandra Trelles, a xestora cultural Ana Gontad e as creadoras de contido Tamara Alonso e Patricia Menéndez, fundadoras estas tres últimas da asociación Veganagal. O festival conta co patrocinio do Concello de Nigrán e a colaboración do Programa Culturea da Deputación de Pontevedra.

“Cinema a Pedal consolídase como algo máis que un festival de verán en Nigrán, é un xeito de crear un concello amable no que o cine (lembramos que conservamos en activo o único cinema dunha pequena vila en Pontevedra e un cine clube con proxeccións mensuais), a música, a integración e a mobilidade sostible sexan eixos fundamentais no presente e sobre todo no futuro do municipio” sinala Juan González, Alcalde de Nigrán. 

Para máis información, siga o festival nas redes sociais en Instagram ou Facebook en @cinemaapedal ou visite a web cinemaapedal.gal.

Comparte este artigo