• O alcalde de Pazos de Borbén reúnese coa Plataforma da estrada EP 2702 ante a falta de respostas institucionais
O alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, mantivo unha reunión coa Plataforma pola mellora da EP 2702, logo de que este colectivo solicitase o encontro ante a falta total de resposta por parte da Deputación de Pontevedra aos escritos remitidos tanto á anterior deputada de Infraestruturas como á actual, Belén Cachafeiro.
A Plataforma xa dirixira dous escritos formais —o último a finais do pasado ano— solicitando unha xuntanza urxente para recibir información sobre os prazos de execución das obras de mellora da estrada e, especialmente, sobre os compromisos da Deputación co arranxo dos tramos pendentes, máis alá da primeira fase.
Durante a reunión co alcalde, o colectivo trasladou a súa preocupación pola inacción administrativa nas fases seguintes dunha estrada cualificada como
“perigosa” e “en estado pésimo”, que supón un risco real para a seguridade viaria de todas as persoas que a utilizan diariamente.
O rexedor lembrou que xa en outubro de 2024 asinou o convenio coa Deputación para a mellora desta vía, pero que desde entón só se ten constancia dos trámites de expropiación da primeira fase. Nin el mesmo, como alcalde do municipio afectado, obtivo resposta á solicitude de reunión cursada á Deputación, o que, segundo palabras do propio Otero, “amosa unha falta de sensibilidade preocupante por parte da institución provincial”.
A Plataforma subliña que está a actuar con responsabilidade, evitando mobilizacións á espera de que se cumpran os compromisos adquiridos, mais advirte que, de continuar a situación de silencio administrativo, retomarase a vía da protesta cidadá.
“Queremos colaborar, non enfrontarnos. Pero precisamos respostas e prazos claros. A estrada leva décadas esquecida e non podemos permitir máis atrasos”, indican no escrito. A veciñanza reitera que o obxectivo é garantir que a EP-2702 poida ofrecer condicións de seguridade e mobilidade dignas para todos os seus usuarios e usuarias.
Dende o Concello de Pazos de Borbén, o alcalde manifesta o seu total apoio ás demandas da Plataforma e esixe á Deputación que atenda de inmediato ás peticións realizadas, tanto desde a administración local coma desde a cidadanía organizada.

