A xornada ‘Alzheimer de preto’ chega a Baiona o vindeiro martes 29 de outubro ofrecendo información e apoio a familias e persoas afectadas por esta enfermidade, grazas á colaboración de FADEAL e a Deputación de Pontevedra

adminON
Lectura mínima de 2

O martes 29 de outubro de 9’30-13’30h., AFAGA vai impartir no Multiusos Ángel Bedriñana do Concello de Baiona unha sesión formativa sobre Alzheimer e outras demencias, dirixida principalmente a coidadores/as de persoas cunha demencia neurodegenerativa, pero tamén a persoas diagnosticadas en fase moi temperá así como a calquera persoa interesada na temática.

FADEAL (Federación Atlántica de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias), co financiamento da Deputación de Pontevedra e en colaboración do Concello de Baiona, impartirá esta sesión formativa gratuíta enmarcada no proxecto Alzheimer de Prieto.

As demencias teñen unha alta prevalencia (estímase que afectan ao 31,25% das persoas que superan os 85 anos), especialmente en Galicia, cunha poboación altamente envellecida. Ademais, o contexto rural experimenta un fenómeno de sobre envellecemento ao que se lle engade unha escaseza de servizos e ausencia de intervencións. Esta realidade non só afecta á persoa que padece a enfermidade, senón tamén a todo o núcleo familiar.

Por este motivo póñense ao dispor das persoas afectadas esta formación gratuíta, que será impartida por unha psicóloga e unha traballadora social especializadas na temática. O obxectivo é formar, orientar e axudar a persoas que se atopen nesta situación, achegando coñecementos e recursos para poder afrontar mellor a enfermidade e mellorar a calidade de vida da persoa con demencia e da súa familia.

Comparte este artigo