A Xunta realizará melloras no Centro de Día de Mondaríz para favorecer o benestar dos seus usuarios

Redacción

As obras, que inclúen reformas en varias estancias do edificio, desenvolveranse ao longo deste verán e teñen un custo de preto de 25.000 euros

O centro de día de Mondariz comezará nos próximos días unhas obras de renovación que permitirán mellorar o benestar dos seus usuarios. Así o anunciou esta mañá o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, que visitou as instalacións acompañado do alcalde da localidade, Pablo Barcia.

Estes traballos desenvolveranse ao longo deste verán e teñen un custo de preto de 25.000 euros. Consistirán na renovación do chan dos aseos, onde se instalará un pavimento con maior adherencia, na colocación dun panelado na zona de comedor que substitúa os paramentos pintados orixinais e na eliminación de humidades en puntos localizados da edificación. Ademais, os usuarios do centro de día contarán con novas butacas de descanso. A reforma está incluída nun plan de melloras nos centros do Consorcio financiado con fondos europeos e dotado cun 1,2 millóns de euros.

A rede de centros de día impulsada pola Xunta é un recurso fundamental para favorecer a atención aos maiores, ao promover tanto a súa autonomía persoal como a súa actividade social, ao tempo que tamén facilita a conciliación das súas familias.

Comparte este artigo