• As entradas para esta cita, que terá lugar o sábado 2 de marzo ás 22.00 horas, xa se poden adquirir na plataforma woutick.es, a un prezo de 20 euros
• O alcalde cuntiense, Manuel Campos, confirma que entre os días 21 e 28 de febreiro tamén se poden solicitar as reservas para a degustación do domingo 3, ben a través da mesma plataforma ou poñéndose en contacto coa OMIX
O Concello de Cuntis vén de confirmar unha das grandes citas da XXV Festa Gastronómica do Lacón con Grelos, que se celebrará na vila termal entre os días 1 e 3 de marzo. O artista cordobés Antonio José ofrecerá un concerto na Rúa Pedro Campos, nas inmediacións do pavillón, o sábado 2, desde as 22.00 horas. As entradas xa se poden adquirir na plataforma virtual woutick.es, a un prezo de 20 euros.
Deste xeito, Cuntis será unha das paradas do Tour El Pacto, a través do cal Antonio José presenta os temas do seu último traballo, do mesmo nome, e fai un repaso á sua traxectoria musical, interpretando as súas composicións máis coñecidas e exitosas. Hai que lembrar que, aos seus 29 anos, o intérprete andaluz xa conta con 8 traballos publicados en menos dunha década de carreira, período no que xa foi quen de acadar 15 Discos de Ouro, 12 de platino e contar con máis de 3 millóns de seguidores nos seus perfís oficiais.
Por outra banda, o alcalde, Manuel Campos, confirma que entre os días 21 e 28 de febreiro, ambos inclusive, permanecerá aberto o prazo para realizar as reservas para a degustación do Lacón no día grande da festa, o domingo 3 de marzo. As reservas poderán realizarse tamén en woutick.es ou ben poñéndose en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), chamando ao 986533600
O prezo será de 20 euros. Ao longo das vindeiras datas o Concello continuará dando a coñecer máis actividades e citas dunha programación que, tal e como adianta o propio rexedor cuntiense, será “moi variada e de gran calidade, acorde coa importancia que ten a nivel de Galicia en un ano moi especial, no que chega aos 25 anos de existencia”.
Hai que lembrar que o pregoeiro da Festa do Lacón con Grelos será o humorista ferrolano Pepo Suevos. O acto será o domingo 3, ás 12.00 horas, na Praza da Constitución. Ademais, tamén está confirmada a presenza da Charanga Los Támega, de Verín, para amenizar o xantar e protagonizar o pasarrúas, repetindo, deste xeito, a exitosa experiencia da edición de 2023.

