HomePontevedraA XXXVIII Festa do Choco despacha máis de 14.000 racións

A XXXVIII Festa do Choco despacha máis de 14.000 racións

- Anuncio -spot_img

Malia que por momentos a fin de semana estivo pasada por auga, a XXXVIII Festa do Choco de Redondela despediuse como unha das edicións con maior participación de público. A excelente proposta gastronómica e a gran oferta musical animaron ao público a participar a pesar da chuvia nun evento “que superou as previsións máis optimistas”, sinala Rita Pérez Táboas, a concelleira de Cultura e Turismo. En empanada, na súa tinta, á prancha, en escabeche, á feira, en croquetas e mesmo en pizza, ninguén se resistiu a este delicioso cefalópodo. En conxunto foron 14.100 as racións que se venderon na carpa do campo da feira, superando as 12.500 da edición anterior. A esta cantidade hai que sumar os pratos que se despacharon nos establecementos de hostalaría de todo o municipio.

Os que se achegaron ata a vila dos viadutos puideron gozar non só “do mellor choco do mundo” senón tamén de concertos e verbenas coas actuacións da Orquestra Mondragón, Os Satélites, Sonoro Maxín e Combo Dominicano. Tamén brillaron os grupos locais como a Orquestra de Saxos, Airiños de San Simón, a Rondalla de Redondela, a Banda de Música de Chapela eO Carballo das Cen Pólas, ademais dos picadiscos Borja Rúa e Rodri Vegas.

O humor de Virtudes “a Repunante”

O público puido gozar tamén do humor da pregoeira, Virtudes “a Repunante”, que logo de varias visitas a Redondela onte por fin puido vir convidada “a papar” o choco é gratis “que é como mellor sabe”. Chegou acompañada da familia e cargada de “túpers”. Trouxo tamén un cámping gas para botar o choco ao pucheiro en caso doutro “apagón masivo histórico”. Virtudes ensinounos que o choco ten os ollos “en forma de W” e ata fixo un soneto dedicado ao cefalópodo que provocou as risas do numeroso público que encheu a carpa para ver “á muller máis repunante” das redes.

Publicacións Relacionadas