Reclaman a apertura inmediata dunha oficina informativa exclusiva no barrio para asesorar ás comunidades veciñais e impulsar as solicitudes
David Alonso: “O Concello leva 9 meses ocultando este expediente e non nos vai quedar outra que pedilo por vía contenciosa”
Abel Losada recorda que o Goberno está a investir 28 millóns de euros na provincia para impulsar a rehabilitación e construción de vivenda pública
As persoas propietarias das 105 vivendas do barrio de Torneiros que poderían rehabilitarse co millón de euros concedido polo Goberno de España con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) corren o risco de non beneficiarse destes fondos estatais pola mala xestión que está a realizar o Concello do Porriño. O secretario xeral de Economía e Emprego do PSdeG, Abel Losada, e o voceiro municipal socialista, David Alonso, visitaron Torneiros e denunciaron o deficiente asesoramento que se está a prestar, toda vez que o Concello renunciou a montar unha oficina exclusiva para este fin no propio barrio.
Alonso recordou que o millón de euros foi concedido ao Porriño durante o mandato anterior e o actual alcalde “xestiona esta herdanza con desgana”. Explicou que creouse unha oficina municipal integrada por persoal funcionario con moita carga de traballo e debería optarse canto antes por poñer en marcha unha oficina dedicada exclusivamente ao acompañamento das comunidades veciñais e, ademais, situada fisicamente en Torneiros. “As subvencións poden chegar a unha trintena de edificios e hai que ser proactivos, hai que falar coas comunidades, asesoralas e mesmo mediar na resolución de conflitos veciñais; hai que facer todo o posible evitar que os cartos se perdan”. Engade que o actual alcalde xestiona “con desinterese porque, por sorprendente que pareza, lle incomoda esta herdanza da anterior alcaldesa socialista”.
Alonso engadiu que o Concello leva 9 meses negándolle ao grupo socialista o acceso ao expediente municipal e nos próximos días formularase un recurso contencioso para reclamar o acceso a un expediente “que se move pouco”.
Pola súa parte, o secretario xeral de Economía do PSdeG, Abel Losada, engadiu que O Porriño “ten a obriga moral” de facer todo o posible para que non se perda nin un só euro dese millón de euros para rehabilitar 105 vivendas de xente traballadora e que necesita que as obras vaian para adiante. Recordou que o Goberno de España asignou a Torneiros a segunda maior subvención de toda a provincia, tan só por detrás do barrio vigués de Coia.
Losada explicou que, agora mesmo, a provincia de Pontevedra está a recibir 18 millóns de euros de fondos estatais para a construción de case 400 vivendas públicas en Pontevedra, Vigo, Mos e Tui e case 10 millóns de euros para programas de rehabilitación de 1.320 vivendas en barrios de Pontevedra, Vigo, Marín, As Neves, Ponteareas, O Porriño e Mondariz-Balneario. Unha cifra que considerou “moi necesaria para sacar a Galicia da parálise total destes últimos 15 anos en políticas de vivenda pública por parte da Xunta de Galicia, que é a Administración competente”.

