O proxecto recibe o apoio institucional coa visita da directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses.
Esta mañá, o proxecto Xuventude Mentoring na Empresa desenvolvido desde AEMOS contou cun apoio institucional destacado coa visita da directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses, interesada en coñecer de primeira man os avances e o impacto desta iniciativa. Durante a súa estancia, estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira mosense de Emprego e Formación, Julia Loureiro, reforzando o compromiso do ámbito local co fomento do talento xuvenil. No momento da visita, os 17 participantes do programa Xuventude Mentoring na Empresa atopábanse recibindo formación xenérica, unha das fases clave do programa que completa a súa preparación para as prácticas en empresas.
Xuventude Mentoring na Empresa é un programa dirixido á mocidade de 18 a 30 anos inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX), que ofrece estadías formativas en empresas de sectores estratéxicos de Galicia. O seu obxectivo principal é mellorar a empregabilidade e as competencias profesionais dos participantes mediante prácticas non laborais de 3 a 4 meses, favorecendo a súa incorporación ao mercado laboral.
A implicación de AEMOS neste programa subliña o seu compromiso co desenvolvemento económico e social da comarca. A Asociación de Empresarios de Mos busca, a través desta iniciativa, fomentar o talento xuvenil, reducir o desemprego, apoiar o relevo xeracional e fortalecer a competitividade empresarial local.
Para a execución do programa AEMOS logrou contactar con preto de 100 empresas da zona, das cales 12 seleccionaron perfís axeitados ás súas necesidades. Ademais, tras entrevistar a máis de 50 candidatos, 17 mozos foron incorporados ao programa, evidenciando un meticuloso proceso de selección e aliñación coas demandas do mercado laboral. Os perfís demandados polas empresas colaboradoras abarcan diversos ámbitos entre os que destacamos operarios de mecanizado e carretilleiro, peón soldador, aprendiz fresador, axudante mecánico e de reprografía, e tamén no ámbito administrativo, contable, recursos humanos e loxística cun mozo de almacén/repartidor.
Agradecemento a todas as empresas colaboradoras pola súa implicación: Tecnomicra, Foproma Metal, Mecoxi, Grupo Ganain, Panelfa, Orpagu, Bagunda Motor, Fundación Integra, Visualiza, DualThink, Alento Asociación Dano Cerebral e Caordic, que reforzan así a súa responsabilidade social corporativa e incorporan coñecementos actualizados por parte dos participantes.
AEMOS continúa traballando para fortalecer a conexión entre o talento local e o tecido empresarial, impulsando desde as empresas unha formación específica adaptada aos postos de traballo que desempeñan os participantes. Deste xeito, fomentase a adquisición de destrezas e competencias aliñadas coa súa formación académica e profesional.
A visita da Directora Xeral e da rexedora municipal refrenda o respaldo ás iniciativas sociais da Asociación de Empresarios de Mos e do seu tecido produtivo asociado, implementadas na comarca de Mos. Lara Meneses e Nidia Arévalo puxeron en valor a implicación do empresariado mosense neste tipo de iniciativas como é o Programa Xuventude Mentoring na Empresa, que contribúen ao dinamización do emprego xuvenil, ao crecemento sostible da comarca e ao impulso das novas xeracións de profesionais.