● A marcha solidaria organizada polo Concello do Porriño terá lugar o domingo 17 de novembro a partir das 16:30 h
● Para participar é necesario inscribirse e facer un donativo desde 5 euros que se destinará a axudas ás persoas afectadas a través de Som Solidaritat
O Concello de Porriño organiza dunha marcha solidaria baixo o lema “Forza Valencia, amunt”, que terá lugar o vindeiro domingo 17 de novembro. Esta iniciativa ten como obxectivo axudar ás persoas afectadas pola DANA que asolou a rexión de Valencia. A marcha, que é apta para todas as idades, percorrerá 4 km polo centro urbano e o paseo do Louro, con saída desde a praza Arquitecto Antonio Palacios ás 16:30 h. Terá unha duración de aproximadamente unha hora.
Para participar, só é necesario inscribirse na plataforma habilitada en www.oporrino.org e realizar un donativo a partir de 5 euros, que se destinará a través de Som Solidaritat para axudar a quen máis o necesitan nesta difícil situación.
O Porriño co pobo valenciano
Esta andaina é unha das múltiples iniciativas solidarias que O Porriño impulsou para canalizar a solidariedade da súa veciñanza e asegurar que a axuda chegue a quen a necesita. Desde o primeiro momento, os porriñeses mostraron o seu apoio, e a gran recollida de alimentos e produtos de primeira necesidade realizada a pasada fin de semana logrou cargar douss trailers de material con máis de 70 palés. Un deles xa foi entregado en Valencia, mentres que o segundo partirá este domingo con destino a Alfafar.
O alcalde de Porriño, Alejandro Lorenzo, convida “a todo o mundo a unirse a esta marcha solidaria e a outras iniciativas nas que estamos traballando para recaudar fondos e que pronto anunciaremos. É un momento para demostrar a nosa solidariedade co pobo valenciano, que está a pasar por un momento moi difícil, e a veciñanza do Porriño está facéndoo desdes o primeiro momento. Non os esqueceremos e xuntos podemos axudar a que todo isto pase canto antes para eles”.
Ademais, o dispositivo de emerxencias que estivo traballando sen descanso en Benetúser desde a madrugada do sábado, composto por axentes da policía local, operarios de servizo, unidade de dron, catro vehículos e bombas de achique, continuará o seu labor ata o sábado. Será entón cando un retén de Protección Civil do Porriño tomará o relevo para seguir apoiando na zona afectada.