Antonio Palacios participará na Cabalgata de Reis de Porriño cunha carroza doada por Metro de Madrid

adminON
Lectura mínima de 4

● O espectacular deseño, obra do mestre fallero Vicente Martínez, destaca pola súa impoñente estética e simbolismo

A maxia da Cabalgata de Reis de Porriño este ano estará impregnada de historia, arte e homenaxe grazas a unha espectacular carroza doada por Metro de Madrid e a Comunidade de Madrid. Esta singular achega rende tributo ao célebre arquitecto porriñés Antonio Palacios, artífice das primeiras estacións do emblemático transporte madrileño e cuxo 150 aniversario de nacemento se celebra o vindeiro domingo 8 de xaneiro.
A carroza, unha obra mestra de 12 metros de longo, 2,60 de ancho e catro de alto, foi deseñada e construída polo recoñecido mestre fallero Vicente Martínez, con máis de dúas décadas de experiencia nas prestixiosas Fallas de Valencia. A montaxe non só destaca polo seu impoñente tamaño e a súa detallada estética, senón tamén polo seu profundo simbolismo, ao unir O Porriño e Madrid a través da figura de Antonio Palacios.
Un Ano Palacios para celebrar un legado único
A carroza é só unha das moitas iniciativas enmarcadas no Ano Palacios, un programa de actividades que celebra tanto o 150 aniversario do nacemento do arquitecto como o centenario dunha das súas obras máis emblemáticas, a Casa Consistorial do Porriño. Un ano de celebración que busca poñer en valor a vida e obra dun dos veciños máis ilustres da vila, cuxa influencia transcendeu fronteiras.
Vanessa Ucha, concelleira de Turismo do Porriño, destacou a importancia desta colaboración. “Estamos fondamente agradecidos a Metro de Madrid e á Comunidade de Madrid por esta doazón, que simboliza os lazos que unen ambas as dúas cidades a través da figura de Antonio Palacios”, apuntou a edil, “Ademais, o traballo conxunto que estamos a levar a cabo para dar a coñecer o seu legado reforza o recoñecemento que merece tanto no Porriño como en Madrid”.
Pola súa banda, Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, subliñou a relevancia desta iniciativa no marco do Ano Palacios incidindo en que “é unha honra para O Porriño poder render homenaxe a Antonio Palacios cunha cabalgata tan especial. Este ano de actividades é unha oportunidade única para reivindicar a figura dun xenio cuxa obra deixou unha pegada imborrable tanto aquí, na súa vila natal, como en Madrid. É fundamental que as novas xeracións coñezan a súa historia e o seu legado”.
Unha ponte cultural entre O Porriño e Madrid
A colaboración entre Porriño e Madrid non se limita á doazón da carroza. Ao longo deste ano, ambas as localidades traballaron en iniciativas conxuntas para destacar o impacto de Palacios na arquitectura e na cultura. Palacios non só deseñou estacións como as de Gran Vía e Chamberí, senón que tamén contribuíu a definir a identidade visual e funcional de Madrid no século XX.
“A presenza desta carroza na Cabalgata de Reis simboliza ese nexo cultural, mentres que o seu deseño, inspirado nas primeiras estacións de Metro e en elementos arquitectónicos propios de Palacios, será un atractivo tanto para os veciños como para os visitantes”, concluíu o rexedor convidando a todo o mundo a achegarse ao Porriño o vindeiro 5 de xaneiro e disfrutar do evento..

Comparte este artigo