- O Concello de Ponteareas lanza a primeira liña de axudas que movilizarán as vivendas baleiras no rural e promoverán a transformación de locais comerciais en vivenda de alugueiro
Xerar unha bolsa de vivenda de alugueiro a prezos taxados e devolver a vida a zonas e espazos baleiros son dous dos obxectivos das novidosas axudas que lanza o Concello de Ponteareas que por vez primeira na súa historia crea unha liña de axudas para posibilitar o acceso á vivenda e revitalizar as zonas despoboadas.
Coa aprobación das bases que serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia o Concello de Ponteareas concederá axudas á propiedade por obras nas vivendas baleiras no rural e por obras de conversión dos baixos comerciais a vivenda no centro urbano que pasen a formar parte do programa de alugueiro a prezo taxado.
Con esta iniciativa o Concello quere solventar o problema do acceso á vivenda á vez que revive zonas tanto do rural como do centro urbano e para este fin destina neste ano un total de 75.000 € que subvencionarán obras de mellora, acondicionamento e reconversión de baixo a vivenda.
En concreto, o Concello destinará 45.000 € á liña de conversión de locais comerciais en vivenda e posta en alugueiro e 30.000 € á liña de rehabilitación e mobilización de
vivendas baleiras no rural para alugueiro.
Segundo os datos do Padrón Municipal, Ponteareas conta con 11.018 vivendas rexistradas, das que 1.755 están baleiras, o que representa aproximadamente o 15,9 % do total. Así mesmo, existen numerosos locais comerciais sen uso que poderían ser reconvertidos en vivenda, reducindo así o abandono no tecido urbano.
“Non podemos mirar para outro lado, queremos que a nosa xuventude teña acceso a unha vivenda de alugueiro, que o rural recobre a vida porque temos un rural fermoso e que as persoas poidan ter vivenda digna a prezos asequibles tanto no centro urbano como nas parroquias”, explica a alcaldesa,Nava Castro.
Para acadar este obxectivo, explica a concelleira de Urbanismo Silvia Fdez. Táboas, o Concello crea un programa municipal que inclúe a mobilización de vivendas baleiras no rural de titularidade privada, para a súa incorporación ao mercado de alugueiro a prezo taxado e tamén a conversión de locais comerciais en vivenda no casco urbano,
sempre que cumpran os requisitos urbanísticos e de habitabilidade, coa finalidade de destinalas ao alugueiro.
O prezo do alugueiro non excederá dos 500 € mensuais no primeiro ano do contrato, podendo actualizarse nos anos seguintes. A actualización da renda realizarase conforme ao previsto na lexislación de arrendamentos urbanos.
Así, o Concello outorgará subvencións para a rehabilitación e adecuación de vivendas baleiras que como mínimo non teñan residentes empadroados e/ou contrato de alugueiro nos 6 meses anteriores á súa incorporación a este programa. Tamén poderán incorporarse a este programa os inmobles situados no centro urbano, orixinariamente destinado a uso comercial, que poida transformarse en vivenda conforme á normativa urbanística e de habitabilidade vixente.
O importe da axuda será ata o máximo do 50 % do importe real e efectivo da obra e/ou equipamento, e de ser o caso, dos honorarios técnicos de redacción do proxecto ata un máximo de 5.000 euros para conversión de locais comerciais a vivendas e ata
un máximo de 3.000 euros para as vivendas por todos estes conceptos descritos. O importe máximo da axuda de honorarios técnicos no poderá superar en ningún caso os 500 euros.
No caso de propietarios de varias vivendas, só poderá solicitarse unha axuda por propietario ao ano para estes gastos de honorarios, obra e/ou equipamento.
Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas baleiras ou locais comerciais situados no termo municipal de Ponteareas, que se comprometan a destinalos ao alugueiro a prezo taxado durante un período mínimo de 5 anos, e que non sexan titulares de máis de 3 inmobles.