Esta modificacion suprime o área de repartición AR-01-O e o equipamento As Costeiras.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de aprobar, de forma definitiva, a Modificación Puntual nº 2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Baiona.
O concello de Baiona conta cun PXOM aprobado definitivamente o 4 de xuño de 2014 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, instrumento que regula e ordena urbanisticamente o termo municipal.
As modificacións puntuais dun PXOM xorden como resposta a necesidades concretas non previstas no planeamento inicial ou derivadas de cambios normativos e técnicos, sempre xustificadas polo interese xeral, conforme ao artigo 83.1 da Lei do Solo de Galicia (LSG). Estas modificacións permiten adaptar e mellorar o plan sen necesidade de redactar un novo, proceso moito máis longo, complexo e custoso.
A Modificación Puntual nº 2 (MP02), promovida no ano 2018 polo grupo de goberno do Partido Popular, sendo alcalde D. Ángel Rodal Almuiña, foi aprobada inicialmente polo Pleno do Concello o 5 de agosto de 2022 e ratificada provisionalmente o 4 de maio de 2023. Logo dunha longa tramitación administrativa, o expediente foi remitido á Dirección Xeral de Urbanismo para a súa aprobación definitiva o 5 de marzo de 2025, de acordo cos artigos 60.13 e 60.16 da LSG e os artigos 144.13 e 144.16 do Regulamento da LSG (RLSG), unha vez recibidos os informes preceptivos e vinculantes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Dirección Xeral da Costa e o Mar, segundo o establecido na táboa 1 do Anexo II do RLSG.
A modificación ten como obxectivo dar cumprimento á sentenza nº 651/2016, ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o 3 de novembro de 2016 (procedemento ordinario 4346/2014), que ordena recalificar como solo urbano consolidado unha parcela incluída no PXOM como solo urbano non consolidado dentro da área de repartición AR-01-O. A modificación esténdese tamén á parcela catastral contigua, ao concorrer nela as mesmas condicións recollidas no artigo 17.a da LSG, polo que tamén é recoñecida como solo urbano consolidado. Como consecuencia, suprímese a área de repartición AR-01-O.