- NA COMPETICIÓN PARTICIPARON ONCE EXEMPLARES PROCEDENTES DE DISTINTOS PUNTOS DE GALICIA
- ESTA RAZA EQUINA FOI TAMÉN PROTAGONISTA HOXE DUNHA EXHIBICIÓN DE “RAPAS DAS BESTAS”, UN DESFILE DE EXEMPLARES ENGALANDOS AO MODO TRADICIONAL E UNHA DEMOSTRACIÓN DE DOMA DE ALTA ESCOLA
A 47ª Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra ata mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, acolleu hoxe o XII Concurso Morfolóxico Oficial de Cabalo Pura Raza Galega.
Na categoría de sementais, o gañador foi Artai de Normandí, procedente de As Neves (Pontevedra), sendo o segundo posto para Alacrán, de O Valadouro (Lugo), e o terceiro para Farruquiño, de Vegadeo (Lugo).
En canto a eguas, o pódium estivo composto, de primeira a terceira, por Garbosa Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña); Alonda, tamén de Ortigueira, e Merla, de O Valadouro.
Respecto a poldros, os premios foron para tres femias. A primeira e a segunda clasificadas foron Sombra de Recemil, de Lourenzá (Lugo) e Gitana FR, de A Estrada. En canto ao terceiro posto, conseguiuno Cinza de Esqueiro, de O Valadouro.
No concurso, organizado pola Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), participaron once exemplares desta raza autóctona en perigo de extinción procedentes de distintas localidades galegas.
Rapa con aloitadores, desfile e exhibición
Puraga realizará ademais esta tarde unha exhibición nun curro con varios grupos de aloitadores de distintos puntos de Galicia onde se celebran rapas, os cales inmobilizaron unha por unha a varias eguas do monte seguindo técnicas seguras tanto para eles como para os animais para logo cortarlles as crins e as colas. Unha actividade que se repetirá mañá pola tarde e na que en ambos os días participarán aloitadores de “Rapa de Campo do Oso” (Mondoñedo e A Pastoriza), de onde tamén procenden as eguas participantes, da “ Rapa de Santo Tomé” (Valadouro), “ Rapa de Cuspedriños” (Cerdedo-Cotobade), a de “Alto de Neipín” (A Pontenova) e de “A Capelada” (Ortigueira).
Trátase dun evento financiado pola Xunta de Galicia – Consellería do Medio Rural, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste non Rural”.
Así mesmo, por primeira vez na feira e de man de Puraga, levouse a cabo un desfile de exemplares desta raza engalanados ao modo tradicional, con monturas antigas e outros complementos.
Por outra banda, tamén con esta raza ecuestre como protagonista, pero neste caso organizada pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, levouse a cabo hoxe unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos de Pura Raza Galega pertencente á sección de doma de alta escola de Galicia “Dragóns de Santiago”. Actividade que será copatrocinada polos fondos europeos FEADER “Europa Inviste no Rural”, Ministerio de Agricultura, Xunta de Galicia e a propia Asociación.