O Concello de Baiona adquire un camión guindastre mediante unha subvención da Deputación Provincial de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos 2022-2023.
Ata este momento, o servizo cubríase co alugueiro dun vehículo catro días ao mes, co que se atrasaban as actuacións necesarias e ademais supoñía un custo económico importante para o Concello.
A frota de vehículos do Concello dispoñerá agora dun moderno camión dotado de plataforma elevadora, que será utilizado principalmente en labores de mantemento de iluminación pública, poda de arboledo, colocación de elementos decorativos ou festivos, así como outros traballos técnicos que requiran intervención en altura.
O Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña manifestou que “Esta adquisición supón un importante avance para a mellora dos servizos públicos que prestamos aos nosos veciños/as, garantindo ademais unha maior seguridade para os traballadores municipais que deben realizar intervencións en altura, xa que o vehículo está dotado das medidas de seguridade necesarias para estes traballos”
Con esta adquisición o Concello de Baiona cumpre o seu compromiso de reforzar os servizos públicos realizados polos operarios do Concello, dotándoos do material necesario para realizar o seu labor para cos veciños e solucionar as incidencias no intervalo de tempo máis curto posible.