O Concello celebra a grande acollida das áreas do Seixo e Goián, que contaron cunha alta ocupación e colleita excelentes reseñas entre as persoas usuarias
Tomiño continúa a gañar presenza no mapa do turismo itinerante. As súas dúas áreas de autocaravanas, situadas no Seixo e en Goián, rexistraron unha alta ocupación durante toda a tempada estival, con visitantes procedentes de diferentes puntos de Galicia, de toda España e de numerosos países europeos.
As persoas usuarias coinciden en destacar a boa conservación das instalacións, a seguridade e tranquilidade dos espazos, así como a comodidade dos servizos gratuítos de baleirado de augas grises e negras, enchido de auga potable e amplas prazas de estacionamento próximas aos núcleos urbanos. As opinións recollidas nas principais aplicacións de autocaravanistas outorgan a Tomiño valores moi positivos, tanto pola calidade das áreas como pola acollida da veciñanza.
O Concello apostou no ano 2023 pola posta en marcha destas infraestruturas, dúas áreas de autocaravanas municipais, a do Seixo con 6 prazas e a de Goián con 8. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que o éxito destas instalacións confirma a aposta do Concello por un modelo de turismo sostible e de calidade. “Con estas novas zonas queremos facilitar a chegada de visitantes a Tomiño, xa que nos últimos anos o turismo de autocaravana consolidouse como un modelo de viaxe alternativo, con cada vez máis usuarios e usuarias que percorren dun xeito diferente moitas zonas rurais e urbanas”, recalcou. A rexedora engadiu ademais que “deste xeito fomentamos tamén unha nova actividade que permite continuar dinamizando a nosa economía local e poñendo en valor o noso patrimonio e contorna natural.”
Pola súa banda, o concelleiro de Lecer, Agustín González, destacou o esforzo do Concello por ofrecer espazos pensados para un turismo responsable. “Queremos que quen nos visita atope en Tomiño un lugar cómodo, tranquilo e ben coidado. O feito de recibir valoracións tan positivas de viaxeiros de diferentes países é a mellor recompensa ao traballo feito”, subliñou.
O Concello de Tomiño seguirá apostando pola mellora destas infraestruturas e pola promoción dun turismo sostible, respectuoso e dinamizador, que continúe situando ao municipio como un referente galego no turismo en autocaravana.