As Bibliotecas Públicas Municipais de Redondela fixeron onte entrega do premio do sorteo “Reto lector 2024” a Mercedes Méndez, gañadora desta edición. O acto celebrouse nas dependencias da Biblioteca P. M. Xela Arias de Chapela, que este 2025 celebra o seu 20 aniversario. O Reto Lector 2024 dá continuidade ao da edición de 2023, debido á boa acollida que tivo e ante a demanda dos propios usuarios e usuarias das bibliotecas. O reto consistiu na lectura de 12 libros ao longo do 2024, que debían axustarse a unhas características indicadas previamente nun calendario de lectura. Un desafío en formato xogo no que os e as participantes debían enfrontarse a lecturas que, a diferenza do 2023, non se centraban en diferentes xéneros e formatos senón en distintos contidos. O sorteo do agasallo realizouse entre os participantes que foron quen de completar as 12 lecturas do calendario. O premio, como non podía ser doutro xeito, foi un gran lote de libros. Ademais, todos/as os/as que remataron o reto recibirán un agasallo. Co sorteo e a entrega do premio as Bibliotecas Municipais de Redondela únense á conmemoración do Día do Usuario/a das Bibliotecas, data destacada no Calendario do Libro e a Lectura de Galicia como o 11 de xaneiro. As bibliotecas renden así homenaxe aos usuarios e usuarias, por seren eles unha parte fundamental e imprescindible do seu servizo.
A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, foi a encargada de entregar o agasallo á premiada Mercedes Méndez, xunto a Mª Elena Becerra e María José Villar, persoal das bibliotecas municipais de Redondela e Chapela.