O pasado venres, 25 de outubro, celebrouse no salón de plenos do Concello das Neves a segunda xuntanza informativa sobre a construción do parque eólico Coto dos Lobos (expediente IN408A 2021/007).
A xornada, convocada polo rexedor local Jose Manuel Alfonso, contou coa presenza da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, así como de representantes das comunidades de montes e augas afectadas polo proxecto.
Durante a sesión, Víctor Bouzas, da empresa Tysgal Medioambiente, presentou o estado dos informes encargados polo Concello para facer fronte á construción do parque eólico. Para tal fin, estase a preparar un condicionado e un informe técnico sobre o Estudo de Impacto Ambiental (EsIA) presentado pola promotora. A análise do estudo revelou deficiencias na metodoloxía empregada, o que levou a unha minimización dos efectos ambientais reais. En base a isto, o Concello das Neves expresa o seu rexeitamento á solicitude de autorización administrativa previa, así como á solicitude de autorización administrativa de construción do proxecto Parque Eólico Coto dos Lobos, solicitando a súa retirada definitiva.
Tras a xuntanza, a alcaldesa de Salvaterra de Miño e o alcalde das Neves decidiron facer un fronte común para solicitar a retirada do proxecto, baseándose nos datos do informe técnico elaborado por Tysgal Medioambiente. Así mesmo, poñeranse á disposición das veciñas e veciños uns modelos de alegacións que recollen de forma resumida os puntos clave do informe.
As veciñas e veciños que desexen presentar as súas alegacións poderán facelo mediante rexistro electrónico ou de maneira presencial no rexistro de calquera organismo público, ata o vindeiro 20 de novembro de 2024.

