• O novo local, adquirido recentemente polo Concello cun investimento próximo aos 170.000 euros, ofrece mellores condicións de traballo e atención ao público.
O Concello de O Porriño inaugurou hoxe as novas instalacións do Servizo de Atención Temperá, situadas na Rúa Doantes de Sangue nº 1. Este servizo, que xa se viña prestando en locais provisionais habilitados no Pavillón Municipal, mellora agora as súas condicións de atención grazas a un novo espazo deseñado especificamente para ofrecer un apoio integral ás crianzas de 0 a 6 anos e ás súas familias.
A conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, o alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, acompañados por concelleiros da Corporación Municipal, persoal sanitario, equipos directivos de centros educativos e representantes de asociacións de nais e pais, percorreron as novas instalacións que xa están plenamente operativas.
O novo local, adquirido recentemente polo Concello cun investimento próximo aos 170.000 euros, ofrece mellores condicións de traballo e atención ao público. Conta cunha entrada independente, unha zona de recepción e atención, e tres salas específicas para fisioterapia, logopedia e psicoloxía. Estes espazos permiten desenvolver unha intervención interdisciplinar esencial para detectar e tratar posibles trastornos do desenvolvemento.
“Os servizos sociais son unha prioridade para a Xunta de Galicia que continuará destinando recursos ao mantemento de servizos de calidade para garantir unha atención accesible e especializada ás familias que o precisen.” destacou a conselleira Fabiola García Martínez.
O alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou a importancia deste proxecto para o municipio: “Estas instalacións renovadas supoñen un gran avance na atención temperá, garantindo que os nenos e nenas que o precisan teñan acceso a un servizo de calidade, nun espazo adecuado e pensado para eles”.
Pola súa parte, a concelleira de Educación, Carolina González, puxo en valor a coordinación institucional que permitiu esta mellora: “Hoxe inauguramos un servizo renovado que responde ás demandas da nosa veciñanza. A colaboración coas entidades implicadas fixo posible que este espazo sexa un referente na comarca.”
O Servizo de Atención Temperá, en funcionamento no Porriño dende o ano 2022 grazas a unha subvención da Consellería de Política Social no marco da Rede Galega de Atención Temperá, ofrece ás familias un equipo de profesionais dedicado á avaliación e diagnóstico de trastornos do desenvolvemento nos nenos e nenas. Este servizo traballa áreas clave como o desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación, da autonomía e da área social e afectiva. Coa apertura das novas instalacións, o servizo consolídase e mellora a súa capacidade de resposta ás necesidades das familias do Porriño.
O acto concluíu cun percorrido polas instalacións e declaracións aos medios de comunicación presentes.