Luis López confirma que a Deputación vai distribuír máis de 80.000 euros entre 69 clubs deportivos da contorna do Salnés e Arousa que participan en competicións federadas de ámbito inferior ao estatal

adminON

Cada un destes clubs, de todo tipo de disciplinas deportivas recibe un máximo de 3.000 euros para financiar diferentes gastos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou que a Xunta de Goberno da institución provincial deu luz verde ao reparto de máis de 80.000 euros entre 69 clubs deportivos de 12 concellos da contorna do Salnés e Arousa que participan en competicións federadas de ámbito inferior ao estatal. “Somos a provincia do deporte, e para seguir séndoo temos a obriga de apoiar aos noso deportistas e clubs, que levan con orgullo o nome da nosa provincia alá onde compiten”, asegurou López.

Cada un destes clubs recibe un máximo de 3.000 euros e son de todo tipo de disciplinas deportivas: fútbol, balonmán, ciclismo, padel, rugby, artes marciais, atletismo, montañismo, caza, esgrima, boxeo ou, entre outros, patinaxe. As axudas permitiranlle sufragar gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo ou gastos sanitarios. En total, no conxunto da provincia distribuíronse un total de 600.000 euros.

No que respecta á contorna do Salnés e Arousa, tres clubs da Illa recibirán un total de 3.277 €, oito de Cambados 9.568 €, un de Catoira 639 €, tres de Meaño 2.577 €, catro de Meis 5.023 €, 11 do Grove 11.546 €, tres de Pontecesures 4.077 €, un de Ribadumia 1.565 €, 11 de Sanxenxo 14.450 €, dous de Valga 2.473 €, 17 de Vilagarcía 22.472 € e cinco de Vilanova de Arousa 6.144 €.

Comparte este artigo