HomePontevedraCaldasAs plataformas veciñais de Caldas de Reis contra o estudo da Variante...

As plataformas veciñais de Caldas de Reis contra o estudo da Variante Oeste solicitan a paralización total do proxecto e a formulación dunha proposta que teña en conta as inquedanzas e demandas veciñais

- Anuncio -spot_img

Froito da unión da cidadanía de Caldas de Reis contra o proxecto da Variante Oeste, informamos de que as catro plataformas veciñais de oposición creadas nas últimas semanas nas parroquias de Godos, Bemil, Santa María e Arcos estamos a traballar de manera conxunta para lograr a paralización do devandito proxecto e que se prantexe un novo trazado, que teña en conta as demandas da veciñanza e do Concello.

Existe unha fonda preocupación nas parroquias afectadas pola futura variante, ante os danos e prexuízos que causaría a proposta que está sendo sometida a estudo por parte do Ministerio de Transpoprtes e Mobilidade Urbana. Proba disto son as preto de 3.000 alegacións que se presentaron contra o estudo en apenas dez días, popr mor do dano que causaría nas parroquias. Estamos en contra do proxecto porque, de facerse realidade, causaría un grande impacto nas zonas afectadas a nivel social, económico, ecolóxico e patrimonial. Os prexuízos e danos directos tradúcense no derribo de 16 vivendas, ás que hai que sumar outras 24 que se verían moi afectadas. Non hai que esquecer que o estudo, tal e como está prantexado, divide as parroquias polas que pasa, deixando illadas aldeas enteiras, xa que, ao proxectarse unha vía de tipo cerrado e sen acesos, crea unha auténtica muralla física que corta todas as vías de comunicación coas aldeas e lugares da contorna, o que derivaría nunha maior dificultade da intercomunicación da veciñanza, empeorando, deste xeito, a súa calidade de vida. Entendemos que isto acabaría favorecendo o despoboamento, unha problemática que xa afecta de maneira notable ao noso rural.

En canto ao impacto económico, calculamos que se verían afectadas máis de 30 empresas locais, xa que son moitas as entidades e negocios que se instalan á beira da N-640 e da N-550. As grandes modificacións que experimentarán estas estradas podería abocar ao peche a moitas destas empresas, véndose afectados máis de medio milleiro de postos de traballo. Todo isto sen esquecer as consecuencias a nivel ecolóxico, xa que a Variante Oeste, tal e como está proposta, atravesaría unha grande cantidade de cauces, afectando tamén ao río Umia e a súa conca. No plano patrimonial, preocupános a afección en diferentes tramos do Camiño de Santiago, concretamente a varios cruceiros e petos de ánimas, así como a unha igrexa de orixe románica.

Desde as plataformas veciñais non entendemos que, se o obxectivo deste proxecto, tal e como consta no propios informes previos, é resolver os problemas de tráfico que se producen no núcleo de Caldas, o Ministerio obrigue a que se fagan xuntos a Variante e o aceso ao porto de Vilagarcía coa AP-9, cando este último nada ten que ver.
Resulta incomprensible que o propio estudo recoñeza que para solucionar a situación do núcleo de Caldas a mellor opción sería unha vía aberta, tipo ronda, e, ao mesmo tempo, se incline por outra proposta que causa un maior impacto e prexuízo á veciñanza, ademais de ser máis custosa desde o punto de vista económico.

Por todo isto, desde as plataformas veciñais amosamos o noso rexeitamento a este proxecto e demandamos que o Ministerio prantexe outro trazado, que cause un menor impacto e que teña en conta aos veciños e veciñas de Caldas de Reis. Defendemos que se opte pola opción que desde hai anos reclama o Concello, e que pasa por construír unha vía branda, con beirarrúas e acesos, que una a N-550 e a N-640, pero cun trazado consensuado. Solicitamos que non se constrúa o aceso ao porto dentro deste proxecto, xa que os pprexuízos e danos para as parroquias e os seus habitantes serían moito maiores que os supostos beneficios, xa que o aforro en tempo que suporía a nova conexión sería de menos dun minuto. Por último, esiximos que se liberalice o tramo a AP-9 entre Saiar e Carracedo, en ambos sentidos, posto que axudaría a reducir o tráfico no núcleo, e propoñemos que se recupere o proxecto da AG-47, que leva paralizado varios anos na súa fase final, e que solucionaría definitivamente a conexión do porto de Vilagarcía coa autopista AP-9, evitando, deste xeito, que se duplicen infraestruturas.

Por último, desde as plataformas agradecemos a implicación e o apoio do Concello e de todas as forzas políticas de Caldas de Reis. Desde aquí reafirmamos o noso compromiso de traballar conxuntamente e estamos dispostos a levar a cabo as accións e reivindicacións que sexan necesarias para impedir a construción das propostas proxectadas. Solicitaremos reunións con todos os organismos responsables e, en caso de que as nosas demandas non sexan tidas en conta, non descaramos a organización de mobilizacións de protesta, ata acadar o noso obxectivo.

Publicacións Relacionadas