– A empresa adxudicataria do contrato, Naturgalia, comezou en abril a roza e limpeza nos camiños municipais. Os traballos xa remataron en Cesantes, Ventosela e o Viso. As brigadas están agora en Quintela, Saxamonde e Reboreda. Traballarán ata finais de xuño para deixar a punto os camiños municipais de todas as parroquias.
– As tarefas de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela. Esta é a primeira vez que os traballos comezan en abril. A segunda roza anual realizarase de setembro e novembro para que todos os camiños das parroquias estean en perfectas condicións todo o ano.
Todos os camiños municipais lucirán en perfecto estado antes de que comece o verán. O contrato “histórico” adxudicado polo Concello de Redondela en 2024 permite realizar traballos de roza e limpeza nas 13 parroquias dúas veces ao ano. A empresa Naturgalia, responsable do servizo, comezou en abril
os traballos, que están rematados en Cesantes, Viso e Ventosela. Actualmente as brigadas están desprazadas en Quintela, Saxamonde e Reboreda. Pedro Villaverde, concelleiro responsable da área, explica que os traballos continuarán ata finais de xuño polo resto das parroquias do municipio para manter as estradas e camiños libres de maleza e en perfecto estado. Os traballos permitirán tamén cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Tal como aconteceu por primeira vez en 2024, as tarefas de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela, esta primeira fase entre os meses de abril e xuño e a segunda roza no trimestre de setembro a novembro. O obxectivo do Concello con este contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano. Trátase dunha “aposta decidida” da alcaldesa Digna Rivas “pola mellora da calidade de vida nas parroquias, cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos”.
Os traballos deixan os camiños e as súas marxes despexados, rozados e limpos, o que inclúe a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros. Os operarios retiran todo o lixo e restos vexetais e fan unha a limpeza a fondo das cunetas con maquinaria especializada. As brigadas limpan os caños e sistemas de drenaxe obstruídos e retiran todo o lixo acumulado permitir unha boa evacuación da auga.
Desperdicios como bolsas plásticas, papeis, latas ou botellas que se atopen durante os labores de limpeza tamén son retirados e Naturgalia encárgase da súa clasificación e tratamento segundo a normativa medioambiental. O contrato, por dous anos, licitouse por un importe de 989.268 euros e podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual.