HomeVigoBaionaBaiona aposta pola mellora da recollida de residuos

Baiona aposta pola mellora da recollida de residuos

- Anuncio -spot_img

Adáptase a taxa para o recibo do ano 2026 ás necesidades actuais tras 17 anos

O Concello de Baiona aprobou en Pleno a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos co obxectivo de cumprir coa Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular, e avanzar cara a un modelo máis sostible, eficiente e xusto.
Esta lei estatal seguindo a normativa europea esixe ás entidades locais adaptar os seus sistemas de xestión de residuos baixo o principio de “quen contamina paga”, asegurando que as taxas cubran o custo real do servizo e eviten déficits estruturais que comprometan a sustentabilidade ambiental e económica.
Neste contexto, e co apoio técnico e xurídico da Deputación de Pontevedra e a empresa especializada PW Advisory & Capital Services, S.L., o Concello de Baiona decidiu actualizar a actual ordenanza fiscal, vixente desde 2009, #ante o forte incremento de custos acumulado nos últimos 17 anos (persoal, enerxía, transporte e xestión en planta, entre outros).
Ao mesmo tempo que se traballa xa na redacción dunha nova Ordenanza Reguladora de limpeza e xestión de residuos municipais que se adapte á nova normativa que inclúe as directrices europeas.
Segundo o estudo de custos, o déficit actual do servizo ascende a 454.276,46 €, o que representa un déficit de 41,28% de cobertura. Coa nova proposta, aplicarase un incremento do 25% na taxa, manteranse as bonificacións estipuladas ata o momento e introducirase unha bonificación do 10% para aquelas persoas que participen activamente na recollida selectiva, mediante o uso do punto limpo municipal.
Esta medida supón un primeiro paso cara á plena adaptación á Lei 7/2022, con vistas a implementar un novo modelo de ordenanzas en 2026, e permitirá reducir o déficit do servizo ao 25,28%, mitigando ao mesmo tempo o impacto económico para os veciños cunha aplicación progresiva das novas cotas.

Entre os principais cambios que introduce a Lei destacan tamén:
• A responsabilidade ampliada do produtor do residuo.
• A regulación dos conceptos de subproducto e fin da condición de residuo.
• A actualización do réxime sancionador.
• O reforzo da recollida separada, agora obrigatoria non só nos fogares, senón tamén no sector servizos e comercial, co fin de mellorar a calidade da reciclaxe e fomentar o uso de materias primas secundarias.
Actualmente, Baiona aplica un modelo mixto de xestión, con predominio da xestión indirecta debido á complexidade técnica e legal do servizo. Só a fracción “resto” recóllese directamente, mentres que o resto de fraccións (papel, plástico, vidro, biorresiduos, téxtiles, aceites, residuos perigosos e voluminosos entre outros) realízanse por xestión indirecta.
Cabe lembrar que, segundo a lei, a partir de 2025 todas estas fraccións debían recollerse de forma separada, conforme ao calendario fixado pola lexislación, que marcaba como data límite o 31 de decembro de 2024.
Ao que hai que engadir que a xestión do punto limpo realízase tamén de forma indirecta, así como outros contratos de limpeza excepcionais como os reforzos na Festa da Arribada e o de reforzo da tempada estival.
Por último, resaltar que a lei tamén establece que os municipios deben adaptar o seu modelo de recollida ás circunstancias locais, baseándose nunha análise previa do servizo. Polo que o Concello encargou un estudo a unha consultora especializada para analizar o funcionamento actual do servizo e determinar o modelo máis adecuado para a súa futura reorganización, cumprindo cos novos requisitos legais e garantindo un servizo eficaz e sostible.
Desde o Concello insístese en que esta medida busca manter a calidade de servizo dunha competencia básica dos Concellos, o cumprimento da lei sen comprometer as finanzas municipais e premiar a quen colabora activamente na mellora ambiental do municipio.

Publicacións Relacionadas