O Rosal fala de menopausia sen prexuízos na súa Escola da Saúde

Redacción

A matrona Diana Ayude guiará unha interesante charla este venres 26 ás 19.00 h no Centro Social Polivalente con entrada de balde

Os cambios enténdense mellor con toda a información na man, tamén en temas como a menopausia. Para conseguilo, o Concello do Rosal prepara unha nova cita este venres 26 de xuño coa súa Escola da Saúde cunha sesión dedicada a falar deste proceso vital con naturalidade, rigor e, sobre todo, sen tecnicismos, prexuízos nin tabús.

En ‘Menopausia en positivo: abrazando o cambio’, a matrona Diana Ayude Pumar, encargada tamén do Espazo Crianza rosaleiro, guiará ao público por unha visión práctica, próxima e desmitificadora sobre a menopausia. A charla será ás 19.00 h horas no Centro Social Polivalente con acceso libre e gratuíto para toda a veciñanza.

A Escola da Saúde do Rosal é unha iniciativa pioneira do Concello que nace coa vontade de achegar o coñecemento sanitario á cidadanía dun xeito comprensible e aplicable á vida cotiá, respondendo á demanda crecente de información fiable e sen intermediarios. O programa é ademais un espazo vivo: as temáticas das sesións iranse adaptando aos intereses e necesidades que vaian expresando as propias rosaleiras e rosaleiros, convertendo cada charla nunha resposta real ás inquietudes da comunidade.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o sentido desta iniciativa, que “naceu porque a veciñanza merece ter acceso a información de calidade, contada por profesionais, nun espazo próximo e sen barreiras”. A rexedora convidou a toda a veciñanza a participar nesta nova sesión e achegarse así “a un proceso que afecta a moitas mulleres e ao que non se lle soe dar a importancia que ten. Queremos que O Rosal sexa un lugar onde este e calquera outro tema que afecta á nosa saúde poida ser tratado con normalidade, con rigor e coa axuda de profesionais”.

Comparte este artigo