Rego e Da Silva destacan en Vigo os logros conseguidos polo BNG nesta lexislatura: futura implantación de servizo de proximidade ferroviaria, bonificacións de até 75% na AP-9, ampliación dos permisos de maternidade e paternidade
Xabier P. Igrexas destaca o traballo incansábel do BNG nas Cortes para a defensa dos intereses de Vigo e da Galiza e chama a multiplicar apoios
O Bloque Nacionalista Galego celebra en Vigo un acto público para dar a coñecer o traballo realizado nas Cortes do Estado e os avances conseguidos pola organización nacionalista en beneficio da sociedade galega. No encontro participa o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a senadora do BNG, Carme da Silva, e o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Infraestruturas ferroviarias e viarias do século XXI
Pola súa parte, o deputado nacionalista pon en valor o papel decisivo do BNG na defensa dos intereses da Galiza en Madrid e salienta avances concretos en materia de infraestruturas, especialmente no ámbito ferroviario. “O BNG está demostrando que cando ten forza en Madrid, a Galiza avanza e consegue investimentos para mellorar a mobilidade interna do país” destaca Rego.
O deputado lembra que a organización nacionalista conseguiu pór no centro a axenda galega e a discriminación histórica en materia de servizos ferroviarios, avanzando na implantación dos servizos de proximidade ferroviaria na Galiza. “Unha área metropolitana como Vigo carece de servizo de ‘cercanías’ aínda habendo unha masa crítica moito máis que suficiente como para implantalo e antes de que remate esta lexislatura, o servizo estará operativo grazas ao BNG” sinala.
Aliás, “o BNG conseguiu o estabelecemento de bonificacións de até 75% para persoas usuarias recorrentes da AP-9 e avanzar no desbloqueo na tramitación da lei para a transferencia da AP-9 á Galiza, tal e como vén reclamando o pobo galego” evidencia o deputado do BNG.
Impulso de políticas sociais e defensa dos intereses da Galiza
Pola súa parte, a senadora Carme da Silva sinala os avances conseguidos polo BNG en materia de políticas sociais e lembra que a suba das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC é un compromiso coa organización nacionalista recollido no Acordo de Investidura.
Da Silva tamén destaca tamén o avance na ampliación dos permisos de paternidade e maternidade até as 20 semanas, unha medida que, malia non estar completamente desenvolvida, xa se sitúa en 19 semanas.
Por outra parte, a senadora nacionalista diferenza a actuación do BNG e do resto de forzas políticas: “o BNG está en Madrid para defender os intereses da Galiza e, cando pode condicionar as políticas do Goberno, consegue melloras substanciais, tamén para as viguesas e vigueses. Pola contra, outras forzas con representación pola Galiza só obedecen as súas sedes en Madrid” lamenta.
Un BNG con máis forza para mellorar a vida dos galegos e galegas
Finalmente, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, reivindica a necesidade de que a organización nacionalista conte con máis representación nas Cortes do Estado. Neste sentido, destacou que “o BNG xa demostrou ser a verdadeira voz e voto das viguesas e vigueses en Madrid”.
“Fronte ao teléfono escacharrado dun Abel Caballero que presume de liña directa coa Moncloa, pero que sempre lle da comunicando, o BNG logrou avances importantes en favor da maior cidade de Galiza”, afirmou citando a supresión da peaxe de Chapela, a esixencia firme para que a Saída Sur de alta velocidade non se postergase en favor da conexión Madrid-Lisboa – como defendía o PP- , ou que que se estean a dar pasos para efectivizar o compromiso de dotar a área de Vigo de tren de cercanías antes do remate desta lexislatura.
“Vigo e a Galiza non poden seguir no estado de abandono ao que PP e PSOE o teñen sumido durante anos” finda.

