BNG de Ponte Caldelas pide ao goberno municipal que inicie o saneamento no rural e deixe de botar balóns fóra

Redacción
Lectura mínima de 4

O novo voceiro, Xosé Manuel Cal, urxe un Plan de Actuación Integral, deseñado por zonas e cunha cronografía de prioridades igual que se fixo no centro

O novo grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Ponte Caldelas, que tomou posesión no último Pleno, vén de pedir ao goberno municipal que inicie o saneamento no rural e deixe de botar balóns fóra cara a Xunta de Galiza.

O portavoz Xosé Manuel Cal considera prioritario que o goberno local redacte un Plan de Actuación Integral que aborde a mellora do saneamento nas parroquias, deseñado por zonas e cunha cronografía clara de prioridades, ao igual que se fixo previamente no centro da vila e nalgunha parroquia da marxe oeste do Verduxo.

O BNG insta ao goberno local a deixar de desviar a responsabilidade cara á Xunta e a comprometerse cun plan realista e executable que poña fin aos problemas históricos da veciñanza. “Hai unha total falta de avances por parte do actual goberno municipal en materia de saneamento nas zonas rurais. Nin se executan obras nin se proxectan melloras, deixando completamente esquecido este problema”, subliña o nacionalista.

Cal subliña que o alcalde Andrés Díaz non pode limitarse a trasladar a responsabilidade do saneamento rural ao goberno galego, indicando que esta debe reinvestir o cobro en taxas autonómicas, máis dun millón de euros nos últimos 12 anos. “Non nos convence que Díaz diga que temos que esperar pola Xunta”, sinalou Cal, quen reclama que o goberno local deixe o seu actual abandono de funcións respecto a un servizo fundamental e prioritario para a cidadanía.

O novo voceiro destaca que nos orzamentos aprobados no último Pleno apenas se destina unha partida de 10.000 euros (sen concretar) para actuacións xerais de abastecemento e saneamento, unha cantidade que só permite realizar cambios puntuais en canalizacións dentro do ámbito urbano, sen abordar as necesidades do rural.

Ademais, na súa estrea como portavoz, o nacionalista solicitou que o Concello se faga cargo de financiar e axudar ás traídas de augas mancomunadas para realizar analíticas, subliñando que o Concello debe velar pola vixilancia da calidade e a seguridade da auga, aínda que non sexa o operador do abastecemento.

O novo grupo municipal do Bloque en Ponte Caldelas, que acaba de iniciar a súa andadura, vai ter como eixo prioritario de actuación a reclamación de servizos no rural. A incorporación dos dous novos concelleiros faise para relevar a Xabier Lourenzo e Sol Seoane. Xosé Manuel Cal ‘Chaín’) é presidente da Mancomunidade de Montes de Ponte Caldelas, presidente das comunidades de montes e augas de Chaín e traballador da hostalaría. Fernando Malvar é ensinante, comprometido co movemento ecoloxista, presidente da comunidade enerxética de Buchabade e integrante da directiva da Comunidade de Montes e de Augas de Buchabade.

Comparte este artigo