BNG dubida que a reforma da Praza da Farola sexa segura para os peóns

adminON
Lectura mínima de 3

Xoán Reices: “O proxecto sitúa na mesma plataforma a peóns e vehículos sen contemplar sinais verticais ou horizontais que dean prioridade aos peóns”

O BNG da Estrada xa manifestou en reiteradas ocasións a súa oposición ao proxecto de remodelación da Praza da Farola, unha postura que reforzou logo de coñecerse que o proxecto do goberno municipal prevé cambiar de sitio a farola que lle dá nome para situala entre a Rúa San Paio e a Rúa 56. Mais agora o BNG pon en dúbida a viabilidade do proxecto por poñer en risco aos veciños e veciñas.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, “visto o pouco que se sabe do proxecto, a Praza da Farola seguirá tendo o mesmo tráfico que ten agora, nos dous sentidos da circulación, o que engade un elemento de risco para os veciños e veciñas, xa que sitúa na mesma plataforma peóns e vehículos”.

“Certo é que queda moi limpo e diáfano, polo menos na foto que ensinou o alcalde”, afirma Reices, “pero tamén se percibe o risco nunha rúa con coches circulando nos dous sentidos, sen sinalización vertical ou horizontal que indique aos condutores a prioridade de paso peonil nese treito”.

“Se xa é un despropósito mover a farola da Praza da Farola”, engade Reices, “manter a circulación en ambos os dous sentidos é aínda peor e merece, cando menos un estudo pormenorizado e pausado para ver se hai que rectificar ou mudar este proxecto engadíndolle sinais de seguranza vial ou cambios de circulación que pensamos nestes momento non están contemplados”.

“Por outra parte”, engade Reices, “tamén vemos que se suprimiría o aparcadoiro de minusválidos, situado agora mesmo na Praza da Farola, así como tamén botamos de menos algunha zona de parada temporal de vehículos para que facer algún tipo de xestión rápida (ir á farmacia, sacar cartos no caixeiro, …); non hai máis que ver o que ocorre agora, onde se poden observar varios coches parados nas marxes da praza”.

Apoio á concentración veciñal

O concelleiro do BNG tamén explicou que a organización nacionalista “sumarase á concentración veciñal prevista para o sábado 19, ás 11.30 horas, contra o cambio de localización da farola da Praza da Farola”. “De sabios é rectificar”, afirma Reices, “por iso agardamos que o alcalde sexa sensíbel ao malestar existente por esta mudanza que non gusta a ninguén, nen sequera aos votantes do PP”.

“Por outra parte”, indica Reices, “pídolle ao alcalde que non engane aos veciños e veciñas, levar a farola para a Rúa 56 e a Rúa San Paio non é mantela na Praza da Farola”.

Comparte este artigo