HomePontevedraCaldasCaldas de Reis celebra o Día das Avoas e dos Avós cun...

Caldas de Reis celebra o Día das Avoas e dos Avós cun encontro interxeracional coa rapazada da ludoteca de verán

- Anuncio -spot_img

Crianzas e maiores gozaron do obradoiro sobre cestería impartido por Enrique Táboas no CPI Alfonso VII

O programa elaborado pola Concellería de Benestar Social e do Maior tamén incluíu unha comida de confraternización, na que participaron preto de 60 persoas e que contou coa presenza do alcalde, Jacobo Pérez

O Concello de Caldas de Reis organizou este mércores varias actividades, a través da Concellería de Benestar Social e do Maior, para conmemorar o Día das Avoas e dos Avós. Foi unha xornada marcada polo seu carácter interxeracional, xa que unha das propostas tivo como protagonistas a persoas maiores e crianzas, unidas a través dos oficios tradicionais. Os nenos e nenas inscritas na Ludoteca de Verán tiveron a ocasión de compartir varias horas con avós e avoas elaborando cestas, grazas a ‘Man a man: cesteiros de xeracións’. Este foi un taller realizado por Enrique Táboas, no que as crianzas e as persoas maiores compartiron experiencias e anécdotas mentres traballaban como cesteiros e cesteiras, seguindo os consellos e indicacións do responsable do obradoiro. A cita tivo lugar no CPI Alfonso VII, ata onde se achegou o alcalde, Jacobo Pérez, para saudar a todas e todos os participantes, ao tempo que puxo en valor a figura imprescindible dos avós e avoas, “piares fundamentais nas nosas familias”.

Ademais, o rexedor tamén participou na comida de confraternización celebradano Restaurante Lotus, organizada con motivo desta emblemática data, e na que participaron preto de 60 persoas maiores. A cita estivo amenizada polo grupo Dúo Marema. O Concello de Caldas de Reis ten previsto desenvolver máis actividades dirixidas a persoas maiores durante o verán. En concreto, levaranse a cabo dúas andainas, os días 29 de xullo e 4 de agosto, con saída ás 10.00 horas desde o Auditorio Municipal. A través destas propostas búscase fomentar hábitos saudables e estreitar lazos e vínculos socais entre os e as participantes.

Unha vez rematado o verán, a Concellería de Benestar Social e do Maior retomará o calendario de actividades habituais, entre setembro e xuño. Será unha tempada especial, xa que, tal e como lembrou o alcalde, suporá a estrea do novo Fogar do Maior.

Publicacións Relacionadas