As actividades programadas pola Concellería de Benestar Social e Maiores iniciaranse nas novas dependencias, situadas no Camiño Sardanela, o luns 10 de novembro
O alcalde, Jacobo Pérez, salienta o algo grao de participación nas enquisas promovidas polo Concello para coñecer as necesidades e suxestións das persoas maiores, algo indispensable “para seguir facendo de Caldas un lugar máis accesible, amable e participativo”
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, vén de anunciar que o novo Fogar do Maior iniciará a súa actividade o luns 10 de novembro. Previamente, o sábado 8, terá lugar un acto de inauguración, que servirá para brindar á veciñanza a posibilidade de coñecer as novas dependencias, situadas no Camiño Sardanela. O inmoble, de máis de 800 metros cadrados de superficie, conta con varias aulas multidisciplinares, ademais de aseos dun salón social, que estará a disposición das persoas maiores, de luns a domingo, durante o horario de apertura do local. “Será un lugar onde os veciños e veciñas que asistan sempre estarán acompañadas”, garantiu o rexedor.
A apertura do Fogar do Maior fai realidade un dos proxectos prioritarios do Goberno local caldense. Jacobo Pérez salienta o emprazamento das dependencias, nun lugar moi céntrico e que conta con prazas de estacionamento próximo. Ademais, o alcalde tamén deu a coñecer os resultados das enquisas realizadas pola Concellería de Benestar Social e Maiores ao longo dos últimos meses, dirixidas a este sector da poboación, co obxectivo de coñecer as súas necesidades, inquedanzas e demandas. “Agradecemos moito o interese da xente á hora de responder á enquisa, porque isto nos permite coñecer mellor a realidade e as prioridades do noso concello”, explica Pérez Gulín. Unha das conclusións que se poden extraer destas enquisas é o elevado nivel de satisfacción da xente da terceira idade coa programación e o servizo que se realiza desde o departamento de Benestar Social e Maiores, con máis dun 97% de respostas satisfactorias con respecto a este servizo. “Para nós este dato é moi importante, porque corrobora o interese por este sector da poboación en participar en actividades que axudan a mellorar o seu estado físico e anímico, ao tempo que serve como revulsivo contra o illamento social e fomenta as relacións de amizade”, apunta o alcalde de Caldas de Reis.
No apartado de suxestións, varios usuarios e usuarias coinciden á hora de propoñer a eliminación de barreiras arquitectónicas, así como en incrementar os servizos de proximidade. Outra petición ten que ver co aumento de actividades culturarias e lúdicas e de espazos para compartir coas novas xeracións.
“Asumimos estas ideas como folla de ruta e co compromiso de cumprilas, para seguir construíndo un concello máis accesible, amable e participativo para todos e todas”, asegurou Jacobo Pérez. O rexedor concluíu expresando o seu agradecemento ás persoas que participaron nestas enquisas. “O seu interese axúdanos a mellorar e tamén serve para lembrarnos que envellecer con dignidade é algo no que nos debemos implicar como comunidade. Temos claro que Caldas de Reis medra cando as nosas persoas maiores viven mellor”, finalizou.



