No proceso adxudicáronse un total de once vacas de raza frisoa, algunhas cun valor máximo de preto de 3.000 euros
A Deputación de Pontevedra acaba de celebrar con éxito na Finca Mouriscade a segunda poxa de animais de gandería coa participación de 22 empresas da provincia así como doutros puntos de Galicia. Na poxa vendéronse un total de 11 vacas de raza frisoa que contaban cun prezo de saída de 1.900 euros, chegando algunha delas a alcanzar os preto de 3.000 euros.
En canto ás empresas participantes na poxa organizada en Mouriscade, 22, a maioría proviñan do concello de Lalín, aínda que tamén se presentaron firmas doutros puntos da provincia, como Rodeiro. Ademais, o interese pola poxa chegou incluso ao resto de provincias galegas, coa participación de ganderías de Sarria, en Lugo; Santa Comba ou Brión, na Coruña, ou Río, en Ourense.
A granxa da Finca Mouriscade é a quinta mellor explotación gandeira de toda España. En menos de tres anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 ao 5 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais. Esta clasificación apuntala o centro como unha referencia no sector agrogandeiro nacional e sitúao só por detrás de dúas ganderías barcelonesas, unha coruñesa (terceira) e a lalinense G. B. Gandería.
As tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións, así como o traballo realizado polos profesionais do laboratorio, están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética das ganderías da provincia. Nestes momentos Mouriscade conta con varias reses entre as mellor puntuadas de España.