- O monólogo de Carlos Blanco xa ten colgado o cartaz de “completo” despois de que no día de onte se puxesen a disposición as entradas, de balde, para as e os interesados e xa están todas esgotadas.
- No concello, en menos de media esgotáronse as entradas dispoñibles que foron máis de 100 e o mesmo aconteceu pola tarde no Multiúsos.
- Unha actuación que chega ao Soutomaior grazas á programación Goza do teu Punto G de Normalización Lingüística.
Soutomaior, 20 de febreiro. No día de onte Soutomaior viu en primeira persoa como a súa veciñanza aposta pola cultura galega e polo programa de normalización lingüística Goza do teu Punto G, o galego dáche un Punto.
O mércores 19 de marzo puxéronse a disposición das e dos interesados as entradas, de balde, para o monólogo de Carlos Blanco e a realidade superou con creces as expectativas postas neste espectáculo. O horario de recollida de entradas nas oficinas do concello de mañá foi de 9:00 a 14:00h. pois ben, ás 8:30h. xa había cola no concello e, unha vez abertas as portas para o reparto de entradas (ás 9:00h) ás 9:20h xa estaban as entradas dispoñibles esgotadas.
Xa pola tarde o horario de recollida de entradas foi de 19:00 a 21:00h. e ás 16:30h. a xente xa estaba facendo cola para non quedarse sen o seu acceso a este monólogo.
Repartíronse, de balde, entre a mañá e a tarde máis de 200 entradas, o aforo está completo. De tal xeito que Soutomaior amosou con creces, a súa aposta pola cultura galega e polo programa Goza do Teu Punto G. As e os interesados puideron adquirir un máximo de 2 entradas por persoa.
Dende o Goberno Local sinalaron hoxe que mañá, venres 21 de marzo o día do espectáculo, non se porán a disposición máis entradas, xa que quedaron todas esgotadas, a totalidade do aforo do Multiúsos en menos dunha hora. De tal modo, que por razón de seguridade, soamente terán acceso a este monólogo de Carlos Blanco aquelas persoas que puidese adquirir as súas entradas no concello ou no Multiúsos.
A axenda do programa de Normalización Lingüística Goza do teu Punto G ten xa axendados moitos máis espectáculos teatrais dirixidos ao público adulto, á mocidade e ao infantil familiar con propostas de grandes compañías como Talía Teatro, Excéntricas, Tarabela Creativa, Centro dramático galego ou monólogos de Isa Risco, Avelino González, Celsiño, Arantxa Treus cos que imos rir e partillar.
Unha campaña que tamén ten como obxectivo impulsar o galego no deporte, nos convenios coas entidades deportivas e nas promoción do deporte en galego; o galego na promoción económica, traballando conxuntamente co tecido económico no uso da lingua galega nos seus negocios e apoiando ao sector ofrecéndolles for-mación que melloren as súas competencias lingüísticas na atención ao público en galego para apostar polo valor engadido que supón a incorporación do galego na venda de produtos e dos servizos que prestan; o galego nas Tic aumentado a creación de contidos en galego nos soportes dixitais e comunicativos do Concello pero tamén impulsando a creación de recursos en galego para compartir nas redes sociais; o galego no ensino e coa mocidade apoiando ao centros educativos na labor de transmisión da lingua, colaborando coas asociacións, organizando actividades de lecer e de formación que fomenten o uso da lingua, etcétera