Chapela demanda ao Sergas un servizo de Atención Primaria “sen recortes”

adminON
Lectura mínima de 3

– Asociacións e colectivos da parroquia denuncian de xeito unánime que a falta de médicos e pediatras é constante no seu centro de Saúde, e o Sergas non cubre as baixas ou vacacións dos facultativos. No caso de pediatría, os días que non hai especialista no se centro os pacientes son derivados ao Centro de Saúde de Redondela. Isto supón un trastorno para as familias que teñen que desprazarse, e ademais satura o servizo de Redondela, o que deteriora a prestación sanitaria.

O Consello Parroquial de Chapela acordou na xuntanza do mes de febreiro trasladar á Xunta de Galicia a súa queixa “polo deterioro sistemático da Sanidade Pública no municipio”. Asociacións e colectivos da parroquia denuncian de xeito unánime que a falta de médicos e pediatras é constante no seu centro de Saúde, e o Sergas non cubre as baixas ou vacacións dos facultativos. Fan extensiva a súa queixa tamén ao centro de Saúdo de Redondela, ao que deben desprazarse no caso de urxencias ou cando falta o especialista de Pediatría no seu centro. A falta de médicos e a saturación do servizo deteriora gravemente a atención sanitaria nos dous centros.

A actual situación da Atención Primaria no municipio supón longas lista de espera de ata 18 días para unha consulta co médico de familia. No caso de pediatría, os días que non hai especialista no Centro de Saúde de Chapela, desde o Sergas non se substitúe a praza e os pacientes son derivados ao Centro de Saúde de Redondela. Isto supón un trastorno para as familias, que se ve obrigadas a facer este desprazamento, e ademais satura o servizo de Redondela, o que deteriora a prestación sanitaria. Os colectivos temen que, ante a próxima xubilación do pediatra do Centro de Saúde de Chapela, esta praza non se cubra e a parroquia quede sen servizo de pediatría.

Representantes das asociacións de Montes, colectivos culturais, asociacións veciñais, deportivas, de empresarios e Anpas acordaron por unanimidade trasladar á Xunta de Galicia esta queixa a través do Concello. A veciñanza reclama unha Sanidade Pública con medios suficientes e sen recortes, e denuncian a precarización da Atención Primaria, “un servizo público que é fundamental para a cidadanía”.

Comparte este artigo