A Festa da Rosa de Mos abre unha nova etapa na súa 52ª edición, reafirmándose como un referente cultural e gastronómico. Este ano, a festa suma unha nova semente que fará medrar aínda máis o seu prestixio: a exaltación do viño rosado galego, un produto que se incorpora como maridaxe perfecto para a tradicional empanada de millo.
Desde a súa orixe, a Festa da Rosa foi incorporando elementos que enriqueceron o seu significado: en 1993, naceu o concurso de ramos, onde se escollen as rosas máis fermosas de cada parroquia; e, uns anos máis tarde, as Mulleres Rurais incorporáronse á festa co concurso de empanadas tradicionais de millo, converténdoa tamén nun espazo de exaltación gastronómica.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou esta nova aposta destacando que “o viño rosado galego conxuga frescura, acidez equilibrada e unha expresión aromática moi particular, ideal para tomar de aperitivo e perfecto para acompañar a nosa empanada de millo”. “Somos Festa de Interese Turístico de Galicia e queremos ser Festa de Interese Nacional e creo que este é un ingrediente importante. Sabemos que o viño rosado está de moda e queremos contribuír a que así sexa”, engadiu.
Deste xeito, a Festa da Rosa contará este ano con importantes colaboracións, como a empresa Disgobe, con sede en Mos e presidida por Horacio Gómez, que participa nesta edición coa súa marca Regina Viarum, das que se poderá degustar o rosado Regina Rosae, elaborado con mencía e amparado pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Tamén se incorpora o viño Sueños de Martina, das Adegas Condado de Sequeiras, representado hoxe polo enólogo Óscar González, situadas en Chantada, abrindo así unha nova colaboración coas bodegas da Ribeira Sacra.
A rexedora quixo tamén agradecer a implicación institucional neste proxecto. “Grazas a Martín Alemparte, director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), que está hoxe connosco, e á Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que asistirá mañá á Festa da Rosa como convidada de honra, polo apoio decidido a esta exaltación do viño rosado de Galicia.”
Deste xeito, esta nova incorporación reforza o obxectivo do Concello de Mos de que a Festa da Rosa, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, siga medrando en impacto, proxección e calidade. “A Rosa é máis rosa que nunca, e o viño rosado vén para quedar. O Pazo de Mos será o escenario perfecto desta nova experiencia sensorial e cultural que queremos compartir con toda Galicia e máis aló e o que anunciamos hoxe é que a partir deste ano Mos será o escaparate dos viños rosados de Galicia”, concluíu Nidia Arévalo.