HomePontevedraCaldasComezan as obras do novo parque do maior de Caldas de Reis

Comezan as obras do novo parque do maior de Caldas de Reis

- Anuncio -spot_img

O espazo estará operativo na contorna da Tafona, con elementos biosaudables e zonas para xogos tradicionais, como a petanca ou a chave

O alcalde, Jacobo Pérez, pasou revista ao comezo dos traballos, que contan cun orzamento de máis de 35.000 euros e que buscan consolidar ao municipio como “unha vila dinámica e activa”

Esta semana deron comezo as obras do novo Parque do Maior, un espazo que servirá para consolidar a contorna da Tafona como un punto de encontro interxeracional para a veciñanza de Caldas de Reis. O alcalde, Jacobo Pérez, pasou revista ao inicio destes traballos, que contan cun orzamento que ascende a máis de 35.000 euros. A actuación está sendo executada pola empresa Garocamprim Sociedad Limitada.

Actualmente as tarefas por parte da entidade adxudicataria céntranse na posta a punto da superficie na que se emprazará o parque para persoas da terceira idade, que contará cunha extensión de preto de 1.000 metros cadrados, nunha parcela que se sitúa entre os ríos Umia e Bendaña.


Con esta actuación, tal e como lembra Pérez Gulín, dase resposta a unha demanda veciñal, ao tempo que “seguimos avanzando á hora de consolidar Caldas de Reis como unha vila dinámica e activa para xente de todas as idades”. O Parque do Maior contará cunha pista de petanca, unha zona para o xogo da chave e varios elementos biosaudables, para a realización de exercicios de mantemento. O proxecto inclúe a instalación de paneis informativos e mobiliario, que estará composto por asentos e mesas de pedra. Aproveitarase a actuación, asemade, para mellorar o poco de cahotería da zona, ao tempo que se habilitará unha fonte de auga potable con dous grifos, un para persoas e outro para mascotas. “Este será un espazo pensado para fomentar o benestar e a práctica de hábitos saudables para os nosos maiores”, sinalou o alcalde, que incidiu tamén na importancia que ten a contorna da Tafona para Caldas de Reis, ao ser un punto de encontro “plenamente consolidado” e que, con esta actuación, contará con áreas específicas de lecer para xente moza e tamén maior. Se non se producen contratempos, o Parque do Maior estará operativo antes do inverno.

Xornadas Familiares Corresponsabilidade

Por outra banda, o Concello de Caldas de Reis informa de que os días 29 e 30 de agosto terá lugar unha nova edición das Xornadas Familiares e de Corresponsabilidade, que incluirán diferentes actividades lúdicas.

A cita será no Paseo Román López, en horario de 18.00 a 21.00 horas o venres 29 e de 10.30 a 13.00 o sábado 30. As inscricións poderanse realizar a través dunha ligazón que está habilitada nas redes oficiais do Concello.

Para obter máis información desta iniciativa, que conta coa implicación da Xunta de Galicia, pódese enviar un correo electrónico á dirección igualdade@caldasdereis.gal ou nos teléfonos 692130724 (en horario de 8.30 a 14.30 horas) e 677555748.

Publicacións Relacionadas