O vindeiro 26 de abril, Mos acollerá a IV edición de “Tradición en Camiño”, unha proposta que transforma o territorio nun espazo de encontro coa música tradicional galega a través dun percorrido con actuacións en directo.
A iniciativa está organizada polo Círculo Cultural Abrente coa colaboración do Concello de Mos, consolidando unha colaboración que reforza o papel do municipio como referente na dinamización da cultura tradicional.
A actividade comezará ás 10:00 horas na Capela das Angustias (Sanguiñeda) e desenvolverase ao longo dun itinerario con distintas paradas:
10:00 horas – Capela das Angustias (Sanguiñeda).
11:15 horas – Albergue da Veigadaña.
12:30 horas – Pazo de Mos.
13:45 horas – Capela de Santiaguiño (remate).
Durante a xornada actuarán o Coro Galego do Abrente, o Grupo de Gaitas Son do Abrente, a Banda de Gaitas Airiños do Castelo de Sta. Eulalia, o Grupo de Gaitas Nosa Terra de Pereiras, o Grupo de Gaitas San Martiño de Tameiga e Xiada, Gaiteiros Refrescantes.
Segundo destacan desde a organización, “Tradición en Camiño é unha forma de levar a música tradicional ao seu espazo natural, conectándoa co territorio e coa xente, facendo do camiñar unha experiencia cultural compartida”.
A proposta, aberta á participación do público, combina patrimonio, música e convivencia, ofrecendo unha experiencia que medra edición tras edición e que xa se consolida no calendario cultural de Mos.

