O foro ao que asisten as ediles Patricia Diego e Estela Perez reúne a un cento de mulleres alcaldesas e concelleiras en España e de países de fala lusófona co obxectivo de compartir os desafíos ao fronte de gobernos locais
“A participación política das mulleres é imprescindible para avanzar na igualdade de xénero e para a consolidación da democracia, de aí que sexa necesario facilitar a súa incorporación aos postos de mando na esfera pública, a fin de mellorar os procesos de gobernanza”, sinala a edil de Igualdade, Patricia Diego
As concelleiras de Igualdade e Educación de Nigrán, Patricia Diego e Estela Pérez, asisten en A Coruña ao Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ que hoxe conclúe na Coruña coa presenza de preto dun cento de alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique, Brasil, Galicia e outros puntos do Estado co fin de poñer en valor o papel das donas no poder local e compartir os desafíos que enfrontan. O Pazo de María Pita e o Palexco acolleron onte e hoxe este espazo de sororidade, diálogo e colaboración organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que preside o alcalde de Nigrán, Juan Gonzalez (tamén esta presente na xornada de hoxe) e que conta co apoio do Concello da Coruña, a Deputación Provincial e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
O obxectivo deste encontro e promover a participación das mulleres na política, especialmente no ámbito municipal, e tecer alianzas para solventar os retos que supón este liderado é o obxectivo das xornadas, dado que en todos os países participantes hai un déficit de representación feminina na toma de decisións. En Galicia mesmo, de 313 concellos tan só 71 contan cunha alcaldesa á fronte. “A participación política das mulleres é imprescindible para avanzar na igualdade de xénero e para a consolidación da democracia, de aí que sexa necesario facilitar a súa incorporación aos postos de mando na esfera pública, a fin de mellorar os procesos de gobernanza”, sinala a edil de Igualdade, Patricia Diego, quen hai dous anos participou neste mesmo foro en Mallorca xunto a edil de Servizos Sociais, Bibiana Peixoto.
As políticas locais sobre vivenda, seguridade, transporte ou economía afectan á vida de todas as persoas, por iso é fundamental a presenza das mulleres na elaboración das mesmas, a fin de aplicar un enfoque de xénero que teña en conta as súas necesidades e que aborde cuestións específicas como a violencia machista. Deste xeito, o programa de ‘As Elixidas’ achegase ao rol das mulleres no impulso de políticas públicas a prol da equidade de xénero, as metas e desafíos que atopan na política municipal ou o potencial das asociacións de concelleiras e alcaldesas, como a Rede de Mulleres Electas Locais de África (REFELA), amais de incluír un obradoiro sobre ferramentas para afrontar as violencias políticas.
O Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ alíñase así coa meta 5.5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que chama a “asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública”. Ademais, o evento coincide coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, que este ano se celebra baixo o lema ‘Os nosos dereitos, o noso futuro, xa!’, lembrándonos que “todas as persoas deben poder exercer o seu dereito a participar de maneira significativa na vida pública”.

