A iniciativa dará comezo o vindeiro 7 de abril e desenvolverase no municipio co obxectivo de promover un envellecemento activo e saudable.
O Concello da Lama, en colaboración co Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Universidade de Vigo, pon en marcha un novidoso programa de exercicio físico dirixido a persoas maiores de 70 anos que sexan, en xeral, independentes. A iniciativa dará comezo o vindeiro 7 de abril e desenvolverase no municipio co obxectivo de promover un envellecemento activo e saudable.
Ao fronte desta experiencia pioneira en Galicia estarán Guillermo Bilbao Ogando, fisioterapeuta e coordinador de fisioterapia de atención primaria, e o doutor Lorenzo Antonio Justo Cousiño, profesor do grao en Fisioterapia da Universidade de Vigo. O proxecto conta tamén coa colaboración da doutora Vanessa Cernadas e da doutora Laura González, médicas de Atención Primaria da Lama.
Este programa nace coa finalidade de mellorar a condición física das persoas maiores, contribuír á prevención do risco de caídas e combater a fraxilidade, unha das principais preocupacións en idades avanzadas. A través de actividades adaptadas e supervisadas por profesionais, búscase fomentar a autonomía persoal e incrementar a calidade de vida da veciñanza.
O alcalde da Lama, David Carrera, destacou a importancia desta iniciativa no marco das políticas municipais de saúde e benestar para a terceira idade e sinalou que “este programa representa un paso máis no noso compromiso coas persoas maiores do noso concello. Queremos ofrecer ferramentas reais que lles permitan manter a súa independencia e mellorar a súa saúde física e emocional. A prevención é clave, e este tipo de accións teñen un impacto moi positivo na calidade de vida”.
Carrera tamén subliñou o carácter colaborativo do proxecto e dixo que “a coordinación co sistema sanitario e co ámbito universitario permítenos garantir un programa rigoroso, seguro e adaptado ás necesidades da nosa poboación. Animamos a todos os veciños e veciñas que cumpran os requisitos a participar”.
Para poder formar parte desta iniciativa, é necesario realizar unha inscrición previa e contar cunha valoración da médica ou médico de cabeceira, que determinará a idoneidade da participación no programa.
As persoas interesadas poden obter máis información acudindo ao seu centro de saúde ou chamando ao teléfono 986 768 230.
Desde o Concello da Lama faise un chamamento á participación, incidindo nos beneficios físicos, sociais e emocionais que supón manter unha vida activa. “Nunca é tarde para coidarse, e este programa é unha oportunidade perfecta para facelo en compañía e cun seguimento profesional da man de fisioterapeutas supervisados polo Sergas e pola propia Universidade de Vigo”, concluíu o alcalde.

