Concello de Tomiño e Comunidade de Montes de Taborda asinan un convenio para culminar a transformación do núcleo da parroquia

Redacción

A achega municipal de 50.000 euros permitirá rematar as obras de urbanización da contorna do novo centro social e cultural, completando así a transformación de todo o ámbito que conforman o torreiro, a igrexa e o novo equipamento.

O Concello de Tomiño e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Taborda veñen de formalizar un novo convenio de colaboración para completar as obras do centro social e cultural da parroquia. O acordo, asinado pola alcaldesa, Sandra González, e o presidente da entidade comunal, Alfonso Pazos Casal, contempla unha achega municipal de 50.000 euros destinada á urbanización da contorna do novo equipamento, cuxas obras de rehabilitación se atopan xa na súa recta final.

Esta nova achega súmase á colaboración económica prestada anteriormente polo Concello, que destinou máis de 280.000 euros á rehabilitación do propio edificio. Pola súa banda, a Comunidade de Montes, promotora da actuación, achegou 370.000 euros de fondos propios e conseguíu unha subvención de máis de 103.000 euros ao abeiro do programa Leader 2023-2027, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

«Quero destacar a boa sintonía que mantivemos coa Comunidade de Montes ao longo de todo este proceso, compartindo obxectivos e buscando solucións para avanzar nas distintas fases do proxecto. É unha satisfacción ver como, despois de anos de traballo, estamos xa moi preto de poñer este novo equipamento á disposición da veciñanza», destaca a alcaldesa, Sandra González.

A sinatura deste convenio permitirá culminar un proxecto de transformación do núcleo de Taborda que tivo un dos seus principais fitos en 2023, coa rehabilitación do torreiro por parte do Concello. As obras de urbanización que se acometen agora permitirán integrar o novo centro social e cultural coa contorna da igrexa de San Miguel e o torreiro, mellorando os accesos e a accesibilidade do conxunto.

O novo centro social e cultural dará resposta a unha demanda da veciñanza de Taborda de contar cun equipamento de proximidade que contribúa a dinamizar a vida da parroquia. Concibido como un espazo multifuncional, permitirá acoller tanto a actividade das asociacións e colectivos veciñais como o desenvolvemento dunha programación municipal de actividades culturais, sociais e formativas dirixidas a persoas de todas as idades.

Comparte este artigo