HomePontevedraBaixo MiñoConcello e Afaga continúan co programa de estimulación cognitiva para persoas con...

Concello e Afaga continúan co programa de estimulación cognitiva para persoas con Alzheimer e outras demencias

- Anuncio -spot_img

Con grande acollida por parte de persoas usuarias e familias, as e os participantes realizan actividades adaptadas para reforzar funcións como a memoria, a atención ou a orientación

O Concello de Tomiño, en colaboración coa asociación AFAGA Alzheimer, ven de retomar este outono o programa de obradoiros de estimulación cognitiva e funcional, dirixido a persoas diagnosticadas con Alzheimer e outras demencias.

A iniciativa, que comezou no 2024 con grande acollida por parte das persoas usuarios e familias, desenvólvese na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián, onde dúas mañás por semana as persoas participan en actividades adaptadas para reforzar funcións como a memoria, a atención ou a orientación, ao tempo que se favorece a socialización e o benestar emocional.

A alcaldesa, Sandra González, destacou que “este programa é unha mostra clara do compromiso do Concello coas persoas en situación de vulnerabilidade. Non só se trata de ofrecer un servizo, senón de estar preto das familias e das persoas que afrontan un diagnóstico tan complexo. Queremos que en Tomiño ninguén se sinta só neste camiño, e por iso seguimos apostando por políticas sociais sólidas, inclusivas e profundamente humanas”.

Desde AFAGA Alzheimer lembran a importancia de iniciar canto antes un traballo de estimulación das capacidades preservadas, co obxectivo de manter a autonomía da persoa o maior tempo posible.

Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, salientou que “continuar con este programa significa seguir apostando por accións que melloren a calidade de vida das persoas diagnosticadas con Alzheimer e tamén apoiar ás súas familias, ofrecéndolles ferramentas e acompañamento neste proceso. Trátase dun programa integral que recolle as necesidades ao completo das familias, dende a diagnose ata a vida cotiá”.

Con esta aposta, o Concello de Tomiño consolida a súa estratexia de apoio ás persoas en situación de vulnerabilidade, reforzando políticas activas de benestar e inclusión.

Publicacións Relacionadas