O número de prazas é limitado cun máximo de vinte persoas por día.
As persoas que desexen inscribirse ou ter máis información deben contactar co guía local no número teléfono 654.500.652
No marco da oferta estable de actividades turístico-deportivas do Concello de Covelo e da Deputación de Pontevedra, o Concello organiza para este sábado día 28 e domingo día 29 travesías guiadas que percorrerán as dúas etapas da Vía Mariana Luso Galaica ao seu paso por Covelo. O Concello organiza esta actividade para promover a súa riqueza medioambiental e patrimonial que agasalla aos e ás camiñantes recunchos inéditos e vistas únicas.
As persoas participantes camiñarán guiadas polo guía de montaña, fotógrafo e biólogo, Julio Eiroa. O número de prazas é limitado cun máximo de vinte persoas por día. As persoas que desexen inscribirse ou ter máis información deben contactar co guía local no número teléfono 654.500.652.
O sábado día 28 percorrerán a etapa 7 da Vía Mariana Luso Galaica. O punto de encontro será o alto da coroación na Franqueira, A Cañiza, para dirixirse ao centro de Covelo. Trátase dun percorrido lineal de nove quilómetros de dificultade baixa para relizar en aproximadamente tres horas e media. A hora de saída será ás nove da mañá.
O domingo 29 o roteiro correspóndese coa etapa 8 da Vía Mariana e comeza na praza de Covelo para ir ata a Portela do Foxo, entre os concellos de Covelo e Fornelos de Montes. Será unha travesía de dificultade moderada con 23 km e unha duración aproximada de nove horas.
Para esta actividade de balde recoméndase levar roupa e calzado axeitado para camiñar, protección solar, bebida e alimentos reconstituíntes para tomar durante o camiño. Tamén é recomendable levar bastón de sendeirismo.
Existe a posibilidade de iinscribirse só a unha das etapas. Haberá un minibús de recollida ao final da etapa 8 con retorno a Covelo.

