HomePontevedraA ParadantaCovelo propón un espazo de reflexión colectiva coa primeira edición de “Pensando...

Covelo propón un espazo de reflexión colectiva coa primeira edición de “Pensando no Verán”

- Anuncio -spot_img

O Concello de Covelo presenta a primeira edición de Pensando no Verán, unha iniciativa cultural que aposta por recuperar o pensamento crítico e a reflexión pausada nun tempo marcado pola vertixe e a superficialidade. A proposta, financiada pola Deputación de Pontevedra, celebrarase entre os días 12 e 23 de agosto na Reitoral de Santa Marina e contará cun ciclo de relatorios que xirarán arredor dun tema central: a invisibilización da memoria da escravitude en Galicia e en España.

A actividade nace co obxectivo de romper co silencio histórico e cultural sobre o papel do Estado español na trata e explotación escravista, así como co legado de privilexios que aínda perduran nas elites herdeiras daquel sistema. Ao longo de cinco sesións, figuras recoñecidas do pensamento galego abordarán cuestións clave desde a historia, a filosofía, a linguaxe, a arte ou a perspectiva de xénero.

Programa de sesións

  • Martes 12 de agosto
    Piratas e negreiros na Galicia dos séculos XVIII e XIX
    Xosé María Lema Suárez (Catedrático de Xeografía e Historia / Doutor en Historia da Arte)
  • Xoves 14 de agosto
    A invisibilización da memoria da escravitude
    Ángel Pérez Fernández e Miguel Vázquez Freire (Grupo Enxergo / Nexos de Didáctica da Filosofía)
  • Martes 19 de agosto
    Mulleres e escravitudes: vellas e novas formas de inxustiza
    Iolanda Martínez Suárez (Profesora de Filosofía Moral e Política, USC / Grupo de Investigación sobre Xustiza e Igualdade)
  • Xoves 21 de agosto
    Linguaxe e escravitude: palabras que encadean
    Saleta de Salvador Agra (Doutora en Filosofía / Profesora da Universidade Complutense de Madrid)
  • Venres 23 de agosto
    Algunhas teses centrais sobre a escravitude en España e a súa presenza na pintura e na literatura
    Jorge Álvarez Yágüez (Doutor en Filosofía / Catedrático de Filosofía de Ensino Secundario)

Todas as sesións terán lugar ás 19:30 h na Reitoral de Santa Marina. A entrada será de balde e libre até completar aforo.

Máis información: Concellería de Cultura do Concello de Covelo telf. 986 650 027

Organiza: Concello de Covelo
Financia: Deputación de Pontevedra

Publicacións Relacionadas