A alcaldesa e o edil de Patrimonio, concelleiro tamén da parroquia, celebran o inicio dos traballos que comezarán o vindeiro luns grazas á subvención da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Patrionio e tamén edil da parroquia de Pereiras, Leo Costas, informaron hoxe de que o servizo de Arqueoloxía e Patrimonio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, vén de concederlle á Comunidade de Montes de Pereiras unha axuda de 14.000 € para a cuarta intervención no “Castro de Pereiras”.
As tarefas arqueolóxicas, que comezarán o próximo luns, día 14 de outubro, estarán a cargo de “Castelos no Aire”, coa dirección de Mario Pereiro, e consistirán na excavación de sesenta metros cadrados no devandito castro.
Estarán localizadas no segundo e terceiro socalco da parcela recentemente adquirida pola Comunidade de Montes de Pereiras, a cal xa posúe o 97% do “Castro de Pereiras” despois de efectuar durante este ano 2024 a compra de varias parcelas a veciños/as que tiñan as súas propiedades no ámbito de máxima afección patrimonial do “Castro de Pereiras”.
Como xa se fixo nas tres primeiras intervencións, as excavacións estarán abertas ás visitas de todas as persoas que estean interesadas en facelo, e o arqueólogo resposable estrá a disposición do público para resolver calquera dúbida.
Esta nova intervención no castro chega un ano despois de que quedara rematada a terceira fase de escavacións do Castro de Pereiras, que se finalizou en decembro de 2024.
Fase anterior
A terceira fase do proceso de consolidación arqueolóxica do devandito xacemento tivo un orzamento que ascendeu a 17.950,00 € (IVE incluído).
A terceira e as dúas fases anteriores, tamén foron financiadas pola consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Na terceira fase realizáronse traballos de escavación arqueolóxica e consolidación do Castro de Pereiras. En concreto, os traballos realizados foron os seguintes: Redacción dun proxecto arqueolóxico para a súa autorización por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata, isto é, a parcela de actuación e acceso á mesma. Realización de 2 sondaxes arqueolóxicas: Sector 1000: sondaxe duns 40 m2 sita no ángulo sueste do castro, en concreto, a carón do sector escavado en campañas anteriores, co fin de documentar a totalidade da cabana rectangular localizada de maneira parcial no ano 2022. Esta actuación permitiría ampliar á area escavada a aproximadamente uns 150 m2, tendo a vista de maneira completa as dúas cabanas castrexas. Sector 5000: realización dunha sondaxe duns 10 m2 na zona norte do xacemento, onde se sitúa un afloramento con marcas de extracción, co fin de comprobar a existencia de estruturas.
Dentro dos traballos realizados tamén se fixo unha diagnose, consolidación e acondicionamento das estruturas arqueolóxicas que se localicen nesta campaña, garantido en todo caso unhas condicións de conservación axeitadas para a súa visita. Levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D, da área de actuación e debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas. Documentación exhaustiva fotográfica da escavación arqueolóxica. Incluída a realización de vídeo e fotografía aérea con tomas xerais do xacemento e de detalle dos seus elementos máis significativos e da área de actuación. Accións de difusión da actuación realizada (charlas, visitas…) e sobre os valores propios do xacemento arqueolóxico na comunidade local. E elaboración dunha memoria técnica na que se recollen os traballos realizados e os seus resultados. O prazo de execución foi de 4 meses (incluída a entrega da memoria técnica).
Sobre o Castro
O Castro de Pereiras sitúase na parroquia de San Miguel de Pereiras, nas proximidades da igrexa parroquial. A nivel de protección, este xacemento arqueolóxico ten a consideración de ben catalogado do patrimonio cultural de Galicia.
Trátase dun poboado fortificado da Idade do Ferro que conserva a súa estrutura defensiva. Presenta forma circular e está rodeado por un ancho e profundo foso. A croa, tamén circular presenta unhas dimensións de 100 metros no eixe E-W e 75 metros no N-S, con socalcos interiores.
En setembro do ano 2021 realizouse unha campaña de escavación arqueolóxica dirixida a valorar a potencialidade arqueolóxica do dito xacemento e que permitiu exhumar parte dunha cabana castrexa circular.
No ano 2022 levouse a cabo unha segunda campaña arqueolóxica que implicou a exhumación completa da cabana circular localizada na campaña do ano anterior. Esta actividade completouse coa súa posterior consolidación, permitindo que dita cabana poda ser visitada na actualidade.
Na mesma campaña e ao carón da cabana circular documentouse parte dunha segunda cabana, neste caso de planta cadrada ou rectangular, que ten continuidade fóra do ámbito de actuación da campaña arqueolóxica do ano 2022.
Tendo en conta os valores culturais que posúe o Castro de Pereiras, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural considerou necesario continuar neste ano 2023 cos traballos de escavación arqueolóxica que permitan documentar a totalidade da estrutura de planta cadrada/rectangular identificada parcialmente na campaña 2022, así como levar a cabo os traballos de conservación e consolidación das estruturas exhumadas co fin de contribuír ao coñecemento e posta en valor deste xacemento arqueolóxico.

