HomeTabeirósCerdedo - CotobadeCubela logra o apoio en solitario do PPdeG para aprobar os regulamentos...

Cubela logra o apoio en solitario do PPdeG para aprobar os regulamentos previos á contratación das obras da Residencia de Maiores de Carballedo

- Anuncio -spot_img

• O BNG votou en contra e o PSdeG-PSOE abstívose no último trámite para que se convirta en realidade o centro da 3ª Idade

O alcalde Jorge Cubela logrou sacar adiante no Pleno Extraordinario da Corporación Municipal celebrado esta mañá, co apoio en solitario dos concelleiros do PPdeG, os tres regulamentos que determinarán o funcionamento e a admisión de beneficiarios na Residencia de Maiores e do Centro de Día que se construirán en Carballedo.

Cubela lamentou que o BNG, pese a recoñecer o traballo realizado polos funcionarios e responsables de Servizos Sociais do Concello para elaborar esta complicada documentación, votara en contra e tamén considerou irresponsable a abstención dos concelleiros do PSdeG-PSOE a este último trámite para poder acometer xa, neste mesmo ano, o proceso de contratación pública da construción da Residencia de Maiores e do Centro de Día nos terreos xa dispoñibles en Carballedo.

O rexedor explicoulle aos concelleiros da oposición que a Residencia terá que ter unha xestión indirecta, tal e como fai a Deputación de Lugo con outros catro centros similares na súa provincia, xa que a Lei de Orzamentos Xerais do Estado impide que os concellos aumenten o seu persoal, máis alá da taxa de reposición, e que para poñer en marcha este servizo fan falta uns trinta traballadores que non se poden funcionarizar.

“Non entendemos como non pasa nada e está ben feito cando son os socialistas os que fan unha xestión indirecta de catro residencias que a Deputación de Lugo constrúe e licita a súa explotación e cando o ten que facer unha administración gobernada polo Partido Popular, entón é privatizar. Aquí non se trata de privatizar nada, a titularidade da Residencia é pública o único que se fai é que a xestión sexa a través dunha empresa do sector para garantir o seu normal funcionamento e cumprir a lei de contratación do estado”, indicou o alcalde.

LICITACIÓN DAS OBRAS ANTES DE QUE FINALICE ESTE ANO 2022
Coa aprobación dos regulamentos da Residencia, do Centro de Día e da admisión de beneficiarios do servizo, o Concello de Cerdedo-Cotobade chega ás portas de iniciar o procedemento de licitación pública da construción da Residencia de Maiores que agárdase que se conclúa antes de que finalice o presente ano.

“Aprobouse un plan de viabilidade, un plan especial de dotacións, un proxecto de expropiación, temos concedido pola Xunta de Galicia a competencia para a construción da Residencia, a Dirección Xeral de Administración Local aprobounos a substentabilidade financeira do proxecto, creamos unha comisión técnica que se reuniu media ducia de veces para facer, consensuar e elaborar estes regulamentos formada polas traballadoras sociais, a secretaria municipal, a interventora e o propio alcalde e pasaron xa a exposición pública na web e no taboleiro do Concello para facilitar a consulta pública previa que habilita a Lei de
Transparencia e Bo Goberno e tras aprobarse en Pleno estes regulamentos agora volverán a exposición pública durante outros 30 días e pasado este derradeiro trámite poderemos licitar antes de que finalice este ano as obras”, explicou Cubela.

O rexedor salientou a xestión técnica e procedimental levada a cabo polo Concello de Cerdedo-Cotobade para a construción da Residencia de Maiores en Carballedo “digna dunha administración superior, como a propia Xunta de Galicia polo complicado e laborioso que foi todo, pero tamén coa tranquilidade que dá o feito de cumprir con todos os requisitos o que dá maiores garantías ao proxecto”, dixo Cubela.

A nova Residencia de Maiores emprazarase en cinco parcelas que suman 10.688 metros cadrados e terá unha superficie de 3.304 metros tras un investimento duns 3,6 millóns de euros, cunha aportación do Concello de 750.000 euros de fondos propios e un prazo de execución material da obra duns 14 meses.

Finalmente o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, sinalou que “coa construción da Residencia de Maiores en Carballedo e a inminente entrada en funcionamento da de Cerdedo, temos avanzado moito en materia de atención social á terceira idade no noso municipio colocándoo nunha posición de liderazgo en toda a comarca e tamén na provincia.
Apostar polo benestar das persoas maiores é un dos nosos compromisos irrenunciables que agora, despois de aprobar en Pleno estes regulamentos, está moito máis preto de ser unha realidade”, indicou o rexedor.

Publicacións Relacionadas