Denunciado de madrugada un condutor cunha taxa de alcohol en sangue de 0,65 cando circulaba cun bebé no asento traseiro

adminON
Lectura mínima de 2

A Policía local denunciou por un delito contra a seguridade viaria a un condutor que circulaba cunha taxa de alcohol en sangue de 0,65mg/l. Esta denuncia realizouse durante o transcurso dun control de alcoholemia que se fixo na madrugada do venres ao sábado do pasado fin de semana na rúa da Barca.

A perigosidade do caso radica en que condutor que circulaba cun vehículo de alta gama, ía acompañado dunha muller que tamén deu positivo en alcohol cunha taxa de 0,40mg/l, polo que non se puido facer cargo do coche. Nos asentos traseiros ía un bebé duns dous anos, polo que finalmente tivo que facerse cargo da situación o avó do cativo que se achegou ao lugar para recoller o vehículo e trasladar a todos os seus ocupantes.
Nos diversos controis de alcoholemia e drogas que a Policía Local realizou o pasado fin de semana detectou 14 positivos: sete de alcoholemia -dúas constitutivas de delito contra a seguridade viaria por ter taxas superiores a 0,60mg/l- e outras 7 por condución baixo os efectos das drogas.

As sancións correspondentes ás alcoholemias son de multa de 500 ou 1.000 euros e a retirada de 4 ou 6 puntos, sempre e cando a taxa sexa inferior a 0,60mg/l, xa que neste caso, poderá ser constitutiva de delito.

No caso de incorporar drogas no organismo a sancións serán de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos.

A Policía Local lembra que fai controis de alcohol e drogas todos os fins de semana nas rúas de Pontevedra e tamén entre semana dada a perigosidade deste tipo de conducións. Deste xeito trata de evitar situacións de risco para o resto de condutores pero tamén para os ocupantes dos vehículos, especialmente se son menores, como no caso relatado.

Comparte este artigo