HomeVigoNigránDeportistas e posibles licitadores interésanse polo concurso do concello de Nigrán para...

Deportistas e posibles licitadores interésanse polo concurso do concello de Nigrán para o espazo deportivo de Porto do Molle

- Anuncio -spot_img

Arquitectos e enxeñeiros acudiron á vista técnica de onte xunto a membros de Discamino ou da Sociedade Atlética Val Miñor ou do grupo de expertos de ‘Un Nigrán para todos’

“Vos sodes os expertos, nos, como Concello, o que queremos con este espazo é que de verdade sexa accesible de xeito universal e que complemente as necesidades do Pavillón de Panxón incluíndo pistas de atletismo“, subliñou o alcalde, Juan González.

Un nutrido grupo de arquitectos e enxeñeiros acudiron o luns  xunto a representantes de Discamino ou da Sociedade Atlética Val Miñor e do grupo de expertos ‘Un Nigrán para todos’ á visita guiada aos terreos do futuro espazo deportivo de Porto do Molle. O obxectivo foi que aqueles licitadores interesados en participar no devandito concurso de ideas do Concello de Nigrán e COAG (Colexio de Arquitectos de Galicia) puidesen plantexar dúbidas in-situ, ante os técnicos implicados e o propio alcalde ou ediles de Urbanismo e Deportes, alí presentes tamén. A administración municipal ten aberto o prazo de presentación de propostas ata o 24 de novembro ás 14:00 horas.

“Vos sodes os expertos, nos, como Concello, o que queremos con este espazo é que de verdade sexa accesible de xeito universal e que complemente as necesidades do Pavillón de Panxón incluíndo pistas de atletismo, así se fixeron as bases, como se materializará isto xa queda nas vosas mans”, subliñou o alcalde, Juan González.

O concurso consta de dúas fases. A primeira, de carácter pública, aberta e anónima, será a nivel de idea –de forma sinxela e inicial–, na que se seleccionarán cinco propostas, cuxos autores serán invitados a participar na segunda para desenvolvela como anteproxecto. Entre estes cinco finalistas elixirase ao gañador, que será adxudicatario do contrato de servizos de redacción do proxecto e dirección de obra polo importe de 206.264,31 euros. A maiores, este primeiro clasificado (proposta gañadora) está dotado con 12.100 €, o segundo con 7.500 €, o terceiro con 5.000, o primeiro accésit con 2.500 €, e o segundo accésit con 2.500 €. O concurso contará cun xurado composto por arquitectos designados polo COAG que proveñen da súa ‘bolsa de xurados’. Toda a información ao respecto do concurso está pendurada na sede electrónica do Concello de Nigrán e na plataforma de contratación pública de Galicia.

O obxecto é seleccionar a proposta arquitectónica máis idónea para o deseño e construción do Parque Deportivo Inclusivo Porto do Molle, con elementos deseñados baixo os criterios de “accesibilidade universal”. A nova infraestrutura, como mínimo, deberá completar e integrar a actual pista de atletismo e a de skate; engadir un espazo cuberto (non necesariamente pechado) para practicar deportes federados como fútbol sala, balonmán ou baloncesto, unha bancada con capacidade mínima para 250 espectadores sentados, vestiarios, e un aparcadoiro na mesma parcela. O Concello destinará á súa construción os 4,5 millóns de euros que Zona Franca tivo que abonar ao Concello polo aproveitamento da superficie empresarial.

Publicacións Relacionadas