Trátanse de tres perfís orixinarios da provincia de Pontevedra que acumulan preto de 4 millóns de seguidores en Instagram e cos que o organismo provincial pretende que o destino acade un maior impacto e conexión emocional coa audiencia
A iniciativa, que se espallará entre este mes de outubro e novembro, enmárcase na campaña Cando volves? e na Estratexia Rías Baixas 61 e complétase con outra que estará vixente ata decembro da man do Náutico de San Vicente
A Deputación de Pontevedra está a impulsar unha campaña para promocionar o destino Rías Baixas da man dos influencers Alexandra Pereira, Tamara García e Defreds. O presidente Luis López explicou que esta acción, enmarcada na campaña Cando volves? e na Estratexia Rías Baixas 61, espallarase entre outubro e novembro da man destes tres perfís, orixinarios da provincia de Pontevedra e con preto de 4 millóns de seguidores en Instagram acumulados, cos que o organismo provincial pretende que o destino acade un maior impacto e conexión emocional coa audiencia.
Luis López subliñou que esta campaña trátase dunha acción específica para novos públicos que ten por obxectivo maximizar a visibilidade do destino en mercados nacionais e estranxeiros. “Queremos impulsar accións de posicionamento entre as novas xeracións e os novos perfís de turistas, inspirar novas visitas e consolidar o destino como referente de sostibilidade, autenticidade e experiencias únicas máis aló do verán”, remarcou o presidente.
Deste xeito, Tamara García, con 346.000 seguidores en Instagram e 525.000 en Tiktok, comezou xa a promocionar a zona do Salnés, tras visitar a Festa do Marisco, e Vilanova de Arousa e Sanxenxo, publicando stories e un reel colaborativo. Pola súa banda, está previsto que Alexandra Pereira, con 2,6 millóns de seguidores en Instagram e 323.000 en Tiktok, publique contido tamén este mes de outubro e se centre na zona sur da provincia, concretamente nas contornas de Oia, Baiona e A Guarda. Finalmente en novembro Defreds, con 926.000 seguidores en Instagram, promocionará as comarcas de Terra de Montes e Deza, con contidos centrados na Estrada, Forcarei e Lalín. Ademais, ata decembro estará vixente outra campaña promocional de Rías Baixas en Instagram da man do Náutico de San Vicente, con 164.000 seguidores.
Esta actividade promocional da man de influencers forma parte, tal e como explicou o presidente, da campaña Cando volves?, “na que se retrata a riqueza interior da provincia que comparten os 61 concellos que a integran, así como a hospitalidade e o carácter acolledor da cidadanía de Pontevedra”. Unha campaña que acaba de ser recoñecida en Cannes (Francia) co Delfín de Prata e que, deste xeito, sumou a quinta distinción internacional tras acadar xa premios en festivais audiovisuais celebrados en Cataluña, Xapón, Sudáfrica e Estados Unidos.



