Baixo o título ‘As laranxas que medraban en Nigrán’ os interesados teñen ata o 30 de marzo para presentar unha historia que xire en torno a froitas animadas
Os premios serán entregados nunha gala no Auditorio Municipal o sábado 27 de abril e constarán dun lote de libros para os cinco primeiros clasificados e diplomas para todos
O Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares colaboran un ano máis para homenaxear, potenciar e dar a coñecer a figura e a obra de Carlos Casares entre a mocidade de Nigrán a través dun concurso literario cuxo prazo de presentación de propostas remata o 30 de marzo. Froito desta unión é a convocatoria novamente da gala ‘Carlos Casares: no camiño das artes’, que consta do devandito certame ‘As laranxas que medraban en Nigrán’, en referencia ao seu libro ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’. A finalidade é estender o legado do escritor ás novas xeracións nun concello que namorou tanto a Casares como a Kristina Berg, a súa muller, e onde construíron o seu fogar definitivo.
O concurso está dirixido a alumnado de Primaria matriculado nalgún dos colexios de Nigrán (CEIP Humberto Juanes de Nigrán, Mallón, Carlos Casares de Vilariño, da Cruz en Camos, CPI Arquitecto Palacios en Panxón, Ángel de la Guarda en Priegue e Estudio de Chandebrito) e CEE Juan María de Parada e CEE de Panxón. A historia debe xirar en torno a froitas animadas como protagonistas e o prazo de presentación de obras finaliza o 30 de marzo. A entrega de premios realizarase nunha gran gala o sábado 27 de abril no Auditorio Municipal, constando de cadanseu lote de libros para os 5 primeiros clasificados e diplomas para todos. As bases ao completo están penduradas en www.nigran.es
A Fundación Carlos Casares resalta “a importancia deste concurso e a súa Gala de entrega, dirixidos aos escolares de Nigrán, onde menos e nenas son protagonistas, para que no futuro, cando sexan adultos e maiores, manteñan no corazón un recordo entrañable do escritor ourensán que veu coa súa familia para Nigrán, e un día escribiu: Nigrán, o lugar onde me gusta vivir.”
“Carlos Casares está ligado para sempre a Nigrán e queremos que a nosa mocidade así o sinta, por iso nos parece moi acertado promover a lectura da súa obra e animar a que escriban as súas propias historias partindo das del, é seguramente o noso veciño máis ilustre e querido”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán, sobre o escritor falecido no 2002 en Nigrán e aterrado no cemiterio municipal do Ceán.

