Dez mozas e mozos comezan en Ponteareas o Programa Xuventude Mentoring na empresa

adminON
Lectura mínima de 2

• Durante as estadías recibirán unha bolsa de formación dun mínimo de 661,50 euros ao mes


• Tamén contarán cun plan formativo complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, acompañada do concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, recibiu hoxe ao alumnado do Programa Xuventude Mentoring na Empresa. Este programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca favorecer a formación práctica e o contacto co tecido empresarial por parte da mocidade impulsando as oportunidades de emprego xuvenil. No acto de benvida tamén estaban as e os representantes das empresas nas que esta mocidade dará os seus primeiros pasos laborais.

Dez mozas e mozos reciben formación práctica en dez empresas do tecido local e tamén no propio Concello. Durante as estadías recibirán unha bolsa de formación dun mínimo de 661,50 euros ao mes e terán unha persoa titora encargada do seu seguimento.

“Agradecemos o apoio da Xunta de Galicia neste novo impulso por facilitar o acceso ao mercado laboral destas dez mozas e mozas. Esta acción súmase ao primeiro plan de emprego xuvenil que xa está en marcha e que forma a vinte xoves. Queremos axudar á xuventude a superar a barreira do primeiro emprego e, á vez, amosar ao tecido empresarial e comercial o talento das nosas persoas mozas”, explica a alcaldesa.

A maiores destas estadías, tamén contarán cun plan formativo complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas, que se poderán impartir en modalidade presencial, teleformación ou mixta.

As persoas beneficiarias só tiñan que ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do SNGX (30 anos), ademais de estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano e estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Comparte este artigo