O Concello de Arbo vístese de gala o vindeiro domingo, 19 de abril, ás 18:00 horas, para celebrar a Gala da Lamprea no Auditorio do Multiusos. Este evento serve como antesala oficial da 66ª edición da Festa da Lamprea, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de abril, e que este ano consolida a súa proxección internacional en plena forma.
A Gala da Lamprea é un acto de recoñecemento ao capital humano de Arbo, onde se premia o talento, o esforzo e a dedicación de veciños e colectivos que elevan o nome da vila en diversos eidos.
Esta gala é o corazón da programación da nosa festa. Antes de celebrar o noso produto máis senlleiro, a lamprea, queremos celebrar á nosa xente, que é quen realmente fai grande a Arbo” – informa o rexedor arbense Horacio Gil.
Nesta edición, o Concello distinguirá a diversos perfís que representan o presente e o futuro do municipio, recoñecemento aos escolares participantes nos concursos de debuxo e redacción, así como á comunidade educativa pola súa implicación, Homenaxe ás patinadoras internacionais Iria Groba, Candela Gil, Eliana e Daniela Rodríguez, Marta Álvarez, Ainhoa de Amorim e Uxía Gil, tras o seu éxito no Campionato de España e o seu pase directo ao Europeo e á World Cup de Italia. Distinción para Valeria Durán e Alba Rodríguez pola súa participación en Saber y Ganar (TVE), e para a fotógrafa Lupe Rodríguez pola súa capacidade de captar a paisaxe arbense, recoñecemento ás futbolistas Lucía Fernández e Ainara Gil Pacheco; ao árbitro máis novo, Roque Taboada (debutante con 13 anos); e a Dani Castro, referente do deporte local e gran promotor do boxeo en Arbo.
Durante a Gala tamén se fará una mención especial á Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arbo polo seu 25 aniversario mellorando a vida dos maiores da vila.
O momento máis solemne da tarde chegará coa entrega do galardón de Arbense Distinguido á Coral Polifónica de Arbo, recoñecendo décadas de traxectoria musical e unión veciñal. A gala contará cun broche de ouro de excepción: a actuación musical de Uxía Senlle, unha das voces máis recoñecidas da música galega.
Finalmente, o rexedor fixo un chamamento á participación: “Convido a todos os veciños e veciñas a acompañarnos este domingo no Auditorio. É o momento de coller impulso para a fin de semana grande da nosa Lamprea, celebrando xuntos o que somos e o que fomos capaces de acadar.”

