– No último pleno da corporación o grupo municipal do BNG sumou os seus votos ao PP para rexeitar a Axenda Urbana, o que pon trabas a proxectos moi importantes para Redondela como o paseo do litoral de de Cesantes, a reforma do Mercado Municipal, o Museo de Ángel Barros ou o edificio sociocomunitario para Chapela, entre outros.
– A alcaldesa, Digna Rivas, advirte que “ao votar coa dereita o BNG está a esquecer que Redondela é progresista, e así o demostrou a veciñanza nas urnas”. A rexedora asegura que a cidadanía e o propio electorado do BNG “non vai entender este cambio de rumbo dos nacionalistas, que vira á dereita”.
– Rivas mantén “a man tendida” ao Bloque para chegar a acordos “en beneficio da cidadanía”. A alcaldesa insiste en que seguirá traballando “para unha Redondela progresista, que é a que me apoiou, e seguirei loitando por ese obxectivo”.
No pleno ordinario celebrado esta semana quedaron rexeitadas dúas propostas do goberno local ao sumar o BNG os seus votos aos do PP. Isto evitou que saíra adiante tanto a Axenda Urbana 2030 como a retribución salarial do concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez. A alcaldesa, Digna Rivas, advirte que “ao votar coa dereita o BNG está a esquecer que Redondela é progresista, e así o demostrou a veciñanza nas urnas”. A rexedora asegura que a veciñanza, e o propio electorado do BNG “non vai entender este cambio de rumbo dos nacionalistas, que vira á dereita”.
No caso deste último pleno, o feito de votar en contra da Axenda Urbana de Redondela supón poñer en perigo fondos e subvencións para importantes proxectos que a sociedade redondelá demanda. Neste documento, que BNG e PP rexeitaron, están recollidas actuacións fundamentais como o futuro paseo do litoral de Cesantes, a reforma do Mercado Municipal, o edificio sociocomunitario para Chapela ou o Museo de Ángel Barros. A Axenda Urbana “recolle demandas feitas polo BNG, e votaron en contra sen fundamentos, mais alá do seu interese por paralizar os proxectos”. Desde o goberno local “tentamos negociar esta Axenda Urbana pero o BNG non fixo ningunha achega posterior, e para a súa aprobación puxeron condicións que nada tiñan que ver con este documento, como a compra de ducias de exemplares do xornal Nós”. Rivas sinala que o goberno entendeu “que non ía entrar en chantaxes” e que se debía negociar só en base aos contidos da Axenda Urbana.
Lembra a alcaldesa que o BNG impediu sacar adiante outros proxectos de importancia ao sumar os seus votos aos do PP. Hai un ano nacionalistas e populares tamén rexeitaron a creación dun punto limpo nunha parcela anexa ao cemiterio de Mañó, “unha instalación moi necesaria para a xestión dos residuos e demandada pola veciñanza desde hai anos” sinala Rivas.
Por outra banda, a alcaldesa rexeita as críticas do BNG e lembra que durante estes anos, “nunca lle faltamos o respecto á concelleira e concelleiros do BNG. Nin cando votaron a favor nin en contra, mentres que foron moitos os agravios e descualificacións pola súa banda, algo moi estraño se o que pretenden é unha relación cordial de traballo e cooperación”.
A alcaldesa convida ao BNG a “reflexionar se apoia un goberno progresista, como así decidiron as veciñas e veciños, ou segue poñendo trabas a este goberno votando da man do Partido Popular”. O goberno local entende que esta postura do BNG débese a unha “estratexia electoral”.
Rivas advirte que o xiro á dereita dos nacionalistas “está a poñer trabas á transformación e o avance de Redondela, e iso é un grave prexuízo para a veciñanza”. Rivas mantén “a man tendida” ao Bloque para chegar a acordos en beneficio da cidadanía. A alcaldesa insiste en que seguirá traballando “para unha Redondela progresista, que é a que me apoiou, e seguirei loitando por ese obxectivo”.