HomePontevedraDigna Rivas: “Presento unha cuestión de confianza porque creo firmemente que estes...

Digna Rivas: “Presento unha cuestión de confianza porque creo firmemente que estes orzamentos  son os mellores para a veciñanza de Redondela”

- Anuncio -spot_img

– Ante a negativa dos grupos municipais do PP e do BNG o orzamento xeral, de 22,6 millóns, foi rexeitado. A alcaldesa sinala que “o que busca a oposición é afogar a este goberno e o único que fan é prexudicar a Redondela”. Rivas avanza que desde o goberno local seguirán traballando “con máis forza ca nunca, sen perder nin un minuto”

– Digna Rivas advirte que as contas municipais son necesarias “para seguir avanzando, para poñer en marcha proxectos de futuro como o litoral de Cesantes, e para dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas”. “Creo no noso proxecto e vou esgotar o mandato, traballando por e para Redondela como fixen sempre”, conclúe a alcaldesa.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, logo de que a oposición rexeitase apoiar o orzamento municipal no pleno celebrado onte, presenta unha cuestión de confianza. A rexedora expón ao Pleno esta cuestión vinculada á aprobación dos orzamentos municipais porque entende que estas contas “son as mellores para os veciños e veciñas de Redondela”. A próxima semana anunciarase a data do pleno extraordinario. Rivas advirte que non ten “ningún apego ao cargo” e que se debe unicamente á cidadanía deste municipio “que foi a que me escolleu democraticamente como alcaldesa”. Os orzamentos ascenden a 22.655.106 e son os máis altos da historia de Redondela, cun incremento de case 2,5 millóns con respecto ao anterior. Rivas destaca que se trata dun orzamento “para as persoas e, sobre todo, sostible e xerador de riqueza e actividade económica”. Estas contas dedican a Políticas Sociais 2.819.000 euros, cun incremento no servizo de Axuda no Fogar de 300.000 euros, e manteñen  actividades con moito éxito como as de envellecemento activo en todas as parroquias. Unha das novidades do orzamento de 2025 é a Tarxeta Social, para canalizar axudas asistenciais a persoas e familias en situación de risco. Tamén se duplica a partida para os comedores escolares e mantense o servizo de transporte aos institutos para alumnado de Bacharelato que non bus escolar da Xunta. Respondendo ás demandas dos colectivos parroquiais a contía para os orzamentos participativos sobe dos 180.000 aos 260.000 euros, e tamén as inversións para saneamento, cun 60% máis, e mantéñense as axudas ás Comunidades de Augas.

Ante a negativa dos grupos municipais do PP e o BNG o orzamento xeral foi rexeitado. Desde o goberno local lamentan que a oposición rexeiten as contas “cando PP e BNG coñecían o orzamento desde hai semanas e non fixeron ningunha propostas”. A alcaldesa sinala que o que busca a oposición con esta negativa “é afogar a este goberno, e o único que fan é prexudicar a Redondela”. Rivas explica que estas contas municipais son necesarias “para seguir avanzando, para poñer en marcha proxectos de futuro como o litoral de Cesantes, e para dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas”. Digna Rivas avanza que desde o goberno local “imos seguir traballando con máis forza ca nunca, e non imos perder nin un minuto”. “Creo no noso proxecto e vou esgotar o mandato, traballando por e para Redondela como fixen sempre”, conclúe a alcaldesa.

Publicacións Relacionadas